AletismoDeportesÚltima hora

Aberto o prazo de inscrición para a San Martiño 2025 que se celebrará o 9 de novembro cun percorrido inédito en Ourense

Saída da San Martiño 2024. /Foto: Mónica G. Bellver.

 

O Consello Municipal de Deportes do Concello de Ourense abre o prazo de inscrición na edición número 48 da Carreira Pedestre Popular do San Martiño.

Esta mañá, o salón de plenos acolleu a presentación da emblemática proba deportiva, que este ano se desenvolverá o domingo, 9 de novembro, cun percorrido inédito, sobre unha distancia de 10 quilómetros, con saída ás 11 horas da Ponte do Milenio e meta na Praza de Concepción Arenal.

O acto de presentación contou coa participación do alcalde de Ourense, Gonzalo Jácome, o concelleiro de Deportes, Aníbal Pereira, o xefe do Servizo de Deportes da Xunta en Ourense, Manuel Pérez, o asesor de Deportes da Deputación, Quique Álvarez, o vicepresidente da Federación Galega de Atletismo, Lalo Gómez, o director de área de Caixabank, Antonio Lema, e  presidenta da asociación de familiares de enfermos de alzhéimer Afaor (beneficiaria do dorsal solidario da carreira), María Dolores Meira, entre outros representantes de empresas e entidades colaboradoras.

 

Presentación da San Martiño 2025.

Percorrido e horarios

A carreira absoluta sairá ás 11 horas da Ponte do Milenio e avanzará por Xesús Pousa, Avenida de Marín, Otero Pedrayo, Castelao, Cardenal Quevedo, A Habana, Curros Enríquez, Paseo, Lamas Carvajal, Praza Maior, Bispo Carrascosa, Moratín, Colón, Padre Feijóo, Lugo, Ben Cho Shey, Galicia, Ramón Puga, A Saínza, Avenida de  Zamora (ata a glorieta da estrada de San Cibrao), Avenida de Zamora e Progreso ata a meta na Praza de Concepción Arenal.

A proba está aberta tanto a atletas con licenza federativa como a corredores e corredoras populares. As inscricións poderanse realizar ata o 2 de novembro a través da páxina web Carreiras galegas, por 5 euros ata o 22 de outubro e por 7 euros despois.

A continuación da proba absoluta, serán as demais. Este ano, como novidade, haberá unha carreira diferente por categoría, con saídas cada 10 minutos: Sub18 (12:10h.), Sub16 (12:20h.) Sub14 (12:30h.): de 4.5 km de distancia; Sub12 (12:50h.) e Sub10 (13:05h.): 1,1 km; e a Carreira inclusiva (13:20h.), tamén de 1,1 km

Back to top button