Máis que un simple acto de alimentación, a lactación materna constitúe “un xesto natural que impacta dende os primeiros días e deixa pegada ao longo de toda a vida”, resalta Lorena Prada, presidenta da Asociación De Nai a Nai que na tarde do mércores 8 de outubro daba unha charla para celebrar a 13ª Semana da Lactación Materna do Barco, no marco da semana mundial.
Destacando que a lactación materna “debe ser unha prioridade colectiva, sostida por sistemas de apoio duradeiros que involucren a familias, comunidades, profesionais e políticas municipais”, Lorena falaba no local da asociación, explicando que desde o primeiro contacto, achega beneficios inmediatos.

“Para o recén nado, o calostro funciona como unha primeira vacina: protexe fronte a infeccións e fortalece o seu sistema inmunolóxico, aínda en desenvolvemento. Pero os beneficios non terminan coa infancia. A longo prazo, as persoas que foron aleitadas teñen menor risco de obesidade, diabetes tipo 2, alerxias e enfermidades respiratorias, e gozan dun mellor desenvolvemento cognitivo. As nais, pola súa banda, reducen o seu risco de cancro de mama e ovario, melloran a saúde ósea e cardiovascular”, explicaba, destacando que a asociación é “un grupo de apoio sostible”.
Fotos: Mónica G. Bellver.