SanidadeÚltima hora

Ourense “reduce os tempos medios de espera, tanto en consultas externas como en intervencións cirúrxicas e probas diagnósticas”

Hospital Universitario de Ourense./ Foto: Carlos G. Hervella.

 

A Área Sanitaria de Ourense, Verín e Valdeorras “conseguiu no primeiro semestre deste ano unha redución histórica dos tempos medios de espera, tanto en consultas externas como en intervencións cirúrxicas e probas diagnósticas”, aseguran dende o Sergas, indicando que, segundo os datos feitos públicos hoxe, correspondentes a xuño de 2025, “a espera media nas consultas externas pasou de 129,2 días en 2024 a 66,1 días, o que supón un descenso do 48,8%. Unha mellora que se repite en cirurxías, cunha baixada do 24,8% e 20 días menos (de 81,8 a 61,5 días), e nas probas diagnósticas, onde a redución é moi significativa nalgunhas das probas máis demandadas”.

A redución destaca nas consultas onde esta redúcese á metade. “Ao 54,5% no caso do Hospital Universitario, onde as consultas pasaron dunha media de 141,8 días, en xuño de 2024, a 64,5 días en xuño de 2025. Ata 77 días menos. Este descenso é froito dun reforzo das axendas médicas, incremento da actividade asistencial e mellora na xestión das consultas”, explican, engadindo que a reducción abrangue á maioría de especialidades, sendo determinante “nalgunhas con gran demanda como Rehabilitación, onde o tempo medio de espera diminuíu en máis dun 39%, mentres que en Neuroloxía e Traumatoloxía a redución superou o 30%. Así, Rehabilitación pasou de 151,3 a 91,4 días (-39,6 %); Neuroloxía de 56,9 a 35,7 días (-37,3 %); Traumatoloxía de 56,4 a 38,7 días (-31,4 %); Dermatoloxía: de 34,6 a 30,2 días (-12,7 %)”.

No tempo de acceso á cirurxía programada “a redución global foi do 24,8 % con respecto a 2024. Cunha espera media cirúrxica baixou en máis de 20 días. A redución é especialmente notable no Hospital Universitario de Ourense, que pasa de 88,9 a 64,1 días, (-27,9 %)”, indican dende o Sergas, puntualizando que as especialidades que rexistraron unha maior redución son “Neurocirurxía, onde os tempos medios de acceso reducíronse ata un 61,8%, (pasando de 154,4 días a 58,8); seguida de Uroloxía (-48,4%) que reduce a media ata os 50,2 días de 96,3 no mesmo período de 2024; Cirurxía Xeral e do Aparello Dixestivo de 85,5 a 62,2 días. Asemade, Traumatoloxía conseguiu reducir a súa media de acceso en máis de 18 días (De 92,2 a 73,9)”.

Nas probas diagnósticas, “os maiores avances rexístranse nas endoscopias dixestivas (-44,5%). Asemade, nas probas radiolóxicas redúcense especialmente os tempos de acceso a TC (de 71,3 a 32,7 días) e resonancias (71,1 a 29,3), nas ecografías de mama, ecocardiografías; endoscopias; e nos estudos de medicina nuclear, electrofisioloxía; respiratorios, de otorrinolaringoloxía e oftalmoloxía”.

Indicadores xerais de listas e espera

Back to top button