ConcellosÚltima hora

A ANPA de Manzaneda segue loitando por manter aberta a cociña do colexio

Mantiñan na mañá do 20 de xuño unha xuntanza con representantes da Consellería de Educación en Ourense e veñen de solicitar unha entrevista co conselleiro de Educación
Entrega das sinaturas en Ourense.
Entrega das sinaturas en Ourense.

Tras a “Merenda protesta” celebrada na tarde do 18 de xuño, a ANPA do CEIP de Manzaneda segue dando pasos de cara a lograr a continuidade da cociña deste centro. Así na mañá do 20 de xuño unha representación da ANPA mantiña un encontro con representantes da Consellería de Educación en Ourense na que lle transmitían as peticións de manter o servizo de cociña aberto. Á saída do encontro, Iria González, voceira da ANPA, indicaba que, polo de agora, “non conseguimos nada. Escoitaron as nosas demandas pero argumentan que só poden transmitirlle a nosa información á consellería, pero que non nos poden dar solucións. Tamén parten de que o catering é saudable e de que cumpre todas as certificacións e están nesa postura. Nós queremos que teñan en conta que a nosa escola é unha escola que está medrando, hai uns anos tiñamos 13 alumnos e agora temos 22 e queremos que teñan clarísimo que imos seguir loitando e que esa filosofía de vida non conxuga coa nosa, nós vivimos no rural porque queremos unha vida saudable e un catering servido de tan lonxe, tal e cal vivimos nós, non é coherente coa nosa forma de pensar, nin co noso modo de vivir”.

Durante o encontro os pais de Manzaneda tamén incidiron en que “temos 22 nenos para o ano que vén e que comensais para o comedor temos os 25 que piden porque dentro dos comensais, segundo a lei, tamén entra o responsable de centro, o mestre, o cociñeiro e a persoa encargada de servir as mesas, entón xa temos 26. Sen embargo, na reunión as representantes da consellería dicíannos que non, que esa cifra non inclúe aos comensais, que se refire simplemente aos nenos, pero nos cremos que iso non é así”, engadía Iria González.

Por iso, a ANPA do CEIP Manzaneda decidía solicitar unha entrevista co conselleiro de Educación, Xesús Vázquez, para que “nos explique cales son as motivacións para pechar a cociña, a ver se son económicas, ou de qué tipo”.

A ANPA entregaba tamén no rexistro do Edificio Administrativo da Xunta de Galicia de Ourense as sinaturas recollidas en contra do peche da cociña de dito centro, un total de 1.114. A maiores na tarde do 19 de xuño “emprendemos unha iniciativa por internet e xa temos recollidas de forma dixital 220 firmas”, sinalan dende a ANPA. “Imos seguir loitando ata que se nos escoite e ata que se nos atenda, porque o catering non vai entrar na escola de Manzaneda, iso témolo claro todos os pais”, resaltan.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Back to top button