OurenseÚltima horaVídeos

Anxo Quintana recibe a Medalla de Promoción dos Valores da Igualdade

O homenaxeado agradecía o recoñecemento e lembraba “a esperanza” que espertou no seu momento a redacción da Lei Organánica de Medidas de Protección Integral contra a Violencia de Xénero

 

O exsenador e exvicepresidente da Xunta Anxo Quintana recibía esta mañá a ‘Medalla de Promoción dos Valores da Igualdade’, unha distinción outorgada polo Ministerio de Igualdade para recoñecer ás persoas que contribuíron á aprobación da Lei Orgánica 1/2004, do 28 de decembro, de Medidas de Protección Integral contra a Violencia de Xénero (LOIVG), coincidindo co vixésimo aniversario desta normativa. Éralle entregada polo subdelegado do Goberno en Ourense, Eladio Santos, quen agradeceu a Quintana o seu traballo en pro dunha sociedade máis igualitaria. “Grazas ao rigor xurídico e á sensibilidade das persoas que contribuíron a esta lei, España se converteu nun referente internacional na loita contra a violencia machista ao poñer no centro a dignidade, a seguridade e a liberdade das mulleres”.

No acto, celebrado no Salón do Trono da Subdelegación do Goberno en Ourense, participaban tamén a xefa da Unidade contra a Violencia sobre a Muller da Subdelegación, Alida Iglesias, e o secretario xeral da Subdelegación, Manuel Arias.

Ademais, Santos lembrou que hoxe, dúas décadas despois, a violencia sobre a muller segue a ser “unha lacra insoportable”, froito do “machismo recalcitrante”. “Debemos seguir traballando porque a igualdade é un camiño que percorrer a diario e temos a responsabilidade de construír unha sociedade xusta e igualitaria, na que ningunha muller sexa maltratada polo feito de ser muller”, sinalaba.

 

 

Pola súa banda, Anxo Quintana agradecía este agradecemento e referíase á “esperanza” que espertou no seu momento a redacción da LOIVG. “Sempre pensamos que aquilo era un primeiro paso importante, pero habería que dar moitos máis, e resulta cando menos preocupante que hoxe en día esteamos inmersos nunha batalla por conservar os dereitos das mulleres e os principios de igualdade, sobre todo sabendo que o que se fixo naquel momento no ámbito estatal, deu paso despois a que no ano 2007 ao Parlamento galego se aproobase a lei galega contra violencia de xénero”, dicía.

 

 

Quintana comentaba tamén que esperaba que “nos sirva todo aquel esforzo para saber que na loita pola democración, pola igualdade, o traballo nunca remata e que as xeracións vindeiras, e as que hoxe toman o noso relevo, saiban que absolutamente está ganado. Isto está por ganar, pero que continúen na loita co convencemento de que traballar pola igualdade das persoas, traballar por que as mulleres teñan os mesmos dereitos que lle corresponden a todo o mundo é labor de todos e é un labor imprescindible para unha sociedade xusta”, concluía.

 

 

Anxo Manuel Quintana González é un político galego que foi alcalde de Allariz entre os anos 1989 e 2000. Despois, exerceu de senador nas Cortes Xerais (2000-2005), época na que xestou a LOIVG. Tamén desenvolveu a súa carreira como vicepresidente da Xunta de Galicia (2005-2009) e deputado no Parlamento de Galicia.

 

 

Normativa pioneira

A ‘Medalla á Promoción dos Valores de Igualdade’ é unha condecoración outorgada a título individual por Orde da ministra de Igualdade, a proposta da persoa titular da Secretaría de Estado de Igualdade e para a Erradicación da Violencia contra as Mulleres, co obxecto de recoñecer o labor daquelas persoas que se distinguiron de forma relevante no exercicio e promoción dos valores de igualdade e na eliminación de toda clase de discriminación baseada en calquera condición persoal ou social.

Este 2025, o Goberno de España concedeu esta distinción a 94 persoas, que contribuíron de maneira decisiva á aprobación lexislativa da LOIVG. A norma, pioneira en Europa, aprobouse por unanimidade durante o goberno de José Luis Rodríguez Zapatero, o 28 de decembro de 2004.

Fotos: Carlos G. Hervella.

 

 

Back to top button