DeportesEn portadaNataciónÚltima hora

O Camiño de Santiago a nado, un reto deportivo e solidario no que participa un verinés

Trátase dunha iniciativa do Club Natación Sevilla Másters que recadará fondos para a Asociación Mar Pozo por la sonrisa de un niño. Comezará o vindeiro 18 de outubro dende O Grove

 

Transformar cada brazada nun sorriso para os nenos e nenas hospitalizados. Ese é o afán dos nadadores que participaban no reto “Nadando a Santiago 2025”, que pretende realizar a parte marítima do Camiño Espiritual a partir do vindeiro sábado 18 de outubro dende O Grove. Conta inicialmente con dez 13 participantes, 10 nadadores do Club Natación Sevilla Másters, apaixoados polas augas abertas, e 3 persoas que irán nun barco de apoio. Entre os nadadores hai dous galegos, o verinés Nico Afonso e o compostelán Carlos Varela.

“Todo comezou nunha conversa entre tres amigos que buscaban realizar algún reto deportivo que estivera fóra dos circuítos de competición, pero despois de darlle unhas cantas voltas, optaron por facer a nado o Camiño de Santiago xa que non lles constaba que houbera ningún peregrino que chegara a nado. Empezaron a reclutar xente para abaratar custos e a algúns de nós ocorréusenos o reto tamén podía ter un fin solidario e entón xa aí foi cando nos entusiasmamos coa idea. Un dos compañeiros colaboraba pola súa conta coa “Asociación Mar Pozo Por la Sonrisa de un niño”, que se dedica a facerlle a vida un pouco máis fácil aos meniños que están en tratamentos moi agresivos nos hospitais. E así xurdiu todo”, conta o verinés Nico Afonso.

 

 

Ademais de prepararse deportivamente, o proxecto implicaba unha parte administrativa, de promoción e de búsqueda de patrocinios que era totalmente nova para eles, pero na que contaban con moita axuda e colaboración. Nesa liña, puxeron en marcha o chamado “quilómetro solidario” dende 2 euros por quilómetro, algo que tivo moi boa acollida. “Levamos unha boa recadación, a verdade é que a resposta estanos abrumando un pouco”, recoñece Afonso.

No referido ao apartado físico e deportivo, os participantes no reto son persoas con ampla experiencia nas augas abertas, de feito o Club Natación Sevilla, lograba o pasado ano o título da Copa nacional desta modalidade. “Estamos moi preparados en augas abertas, do que non temos experiencia é de tantas xornadas tan longas seguidas porque, polo xeral, o corpo necesita repoñerse como uns dous ou tres días despois de cada sesión. Isto é unha novidade para nós, pero co tema da asociación é unha cousa que nos motiva moito”, destaca Nico Afonso, que leva 4 anos no club andaluz, se ben practica a natación dende os 18 anos e entraba no mundo das augas abertas hai unha década.

Afonso incide ademais en que preparar o corpo para as augas abertas é cuestión de adestramento, o complexo é controlar a cabeza, especialmente nun reto destas características. “Todos sabemos que en tantas xornadas longas vai haber momentos de moito desánimo. Por iso, máis alá do reto deportivo, que era o que nos motivaba inicialmente, agora pensamos no reto solidario, iso é un aliciente bastante forte, penso que grazas a iso ímolo sacar adiante”.

 

 

Este Camiño a Santiago a nado comezará o día 18 de outubro, pero non terá un número fixo de etapas, xa que iso dependerá de cuestións como o tempo ou o estado do mar, así como a situación dos nadadores. “Esperamos chegar antes do 25 de outubro. A ruta sae do Grove e iremos nadando de xeito paralelo ao que é o Camiño Espiritual, unha ruta a Santiago. Do Grove iremos a Cambados, Vilanova, Vilagarcía, logo por Cortegada, e desois remontaremos o río Ulla ata Pontecesures, ao lado de Padrón. O último tramo será andando porque o río Sar non se pode remar ata Santiago. A priori non levamos un número de etapas fixas, contamos con nadar uns 6 quilómetros diarios, e en función diso, deberíamos tardar uns 5 ou 6 días en chegar, pero sempre deixando un pouco de marxe porque pode haber un día no que as condicións non sexa boas ou se o cansazo non permite seguir, paremos”, di o nadador verinés.

Se ben hai retos solidarios de natación que poden ser máis duros, neste caso a particularidade radica no seu carácter colectivo e no feito de que entre os nadadores hai persoas que superan os 70 anos. “Pretendemos que sirva para crear unha nova vía para a xente que sinta o camiño de forma espiritual, para que o poida facer, e estamos coa idea de establecer conexións nos puntos de descanso, un pouco tamén de forma exploratoria”, prosegue Afonso, que se sente especialmente ilusionado co proxecto.

 

 

A medida que se achegan os días, tamén confesa que comeza a notar o nerviosismo, con incertezas como o estado do mar no outono, pero o seu principal motor é axudar aos máis pequenos. “O reto é especialmente bonito e cando me dixeron para o que era, decidínme. Síntome con confianza a nivel físico, penso que é factible facelo. Hai pouco lin unha estatística que indicaba que a taxa de supervivencia en nenos medra un 10% cando teñen un entorno lúdico arredor, entón eu penso moitas veces que se conseguimos chegar a dez nenos e iso mellora un 10% en cada un, son 10 vidas que estamos salvando a fin de contas e iso impulsa moito”.

Esta singular peregrinación a nado vai poder seguirse a través das redes sociais, tanto en facebook como en instagram, na páxina “Nadando a Santiago 2025”. A idea inicial era que partiran dende O Grove dez nadadores, pero “coa promoción que estamos facendo, hai xente de Galicia que se quere unir ao reto e estamos vendo se é posible incorporalos, entón pode ser que haxa máis nadadores facendo etapas parciais ou ao mellor alguén se anima a facelo con nós”, conta Afonso.

 

 

O proxecto “Nadando a Santiago 2025” conta con dous patrocinios principais, os de Frutos Secos Salysol de Sevilla e ⁠Náutica Marevento de Vilagarcia. “Absolutamente todo o recadado vai íntegro á Asociación Mar Pozo, e en redes imos ir poñendo a que se destina o diñeiro, vai ser moi transparente, porque ao final a nosa motivación é esa e queremos que a xente vexa a que vai destinada a súa aportación e o efecto que ten”, conclúe Afonso.

Faltan apenas tres días para que este proxecto, que vai moito máis alá do deportivo se converta nunha realidade, cun valor humano e espiritual.

Fotos: Club Natación Sevilla Másters.

 

 

 

 

 

 

Back to top button