SanidadeÚltima hora

A Unidade da Dor avoga por estender a cultura de atención á dor ás poboacións vulnerables

― A prevalencia da dor está por riba do 25 % sendo as patoloxías máis frecuentes as músculo-esqueléticas moi vencelladas á idade da poboación, aos traballos sedentarios e os labores do campo

 

Coincidindo coa conmemoración do Día Mundial, os profesionais da Unidade da Dor de Ourense, súmanse ao lema da IASP (International Association for the Study of Pain) institución que puxo en marcha en 2004 esta iniciativa, co obxectivo de defender o dereito a recibir asistencia fronte á Dor, que este ano se dedica a estender este dereito tamén entre as poboacións vulnerables e os países en vías de desenvolvemento.

Luz Cánovas, xefa do Servizo de Anestesia e Reanimación do Hospital Universitario de Ourense e promotora da súa Unidade da Dor, unha das pioneiras a nivel nacional, explica que o tema deste día vai máis aló dos países de baixos e medianos ingresos, e chama a promover a extensión da actual cultura asistencial da dor, tamén ás poboacións vulnerables, inmigrantes e refuxiados, recoñecendo o desafío do acceso a asistencia, por parte dalgúns grupos de poboación.

Nesta liña, a que se suman tamén a Sociedade Española de Dor (SED) e a Sociedade Galega de Dor, a doutora Cánovas concreta que non hai que pensar en lugares alonxados ou realidades alleas “referímonos á poboación vulnerable, tanto no noso pais como na nosa provincia, onde o tratamento da dor atópase instaurado e todo o mundo pode acceder” non sí, considera existen colectivos con menos facilidades de acceso, polo que “o noso obxectivo é formar aos pacientes, non só no seu tratamento, senón tamén sobre medidas preventivas que poden trasladar no seu colectivo” xerando así unha cultura de coidados, que sigue as indicacións de médicos e enfermeiras.

A prevalencia da dor noso país está por riba o 25 %, por elo é fundamental contar con unidades de dor que poidan axudar a estas persoas que sofren e padecen dor. Na nosa comunidade hai unidades de dor nas sete areas sanitarias, desde onde, explica Luz Cánovas “podemos ofertar numerosos tratamentos farmacolóxicos, pero tamén tratamentos intervencionistas que poden paliar ou aliviar a dor na maior parte dos casos”.

Unha das características da Unidade da Dor de Ourense é o seu carácter multidisciplinar, formado por facultativos, enfermería e desde hai un tempo, co apoio doutras especialidades, como psicoloxía clínica e fisioterapia.

Patoloxías máis frecuentes en Ourense

En Ourense as patoloxías máis frecuentes son sobre todo as músculo-esqueléticas, derivadas da idade da poboación, pero tamén dos traballos sedentarios e no campo. En segundo lugar, tamén hai moita incidencia de dor neuropática, asociada a enfermidades como a diabetes, ou entre pacientes inmunodeprimidos, como o herpes zóster ou a neuralxia do trixémino.

O devandito é moi distinto en países en vías de desenvolvemento, ou con baixos ingresos, onde segundo os datos feitos públicos hoxe, existen poucos ou ningún posto dedicado á investigación ou investigadores formados sobre a dor, non sendo este un tema de saúde prioritario, debido a existencia doutros con maior prevalencia, como os traumatismos, os problemas de saúde materno-fetais e as enfermidades infecciosas.

Back to top button