
“O oriente ourensán non pode seguir dependendo de centros hospitalarios que se atopan a máis de 100 quilómetros cando hai un hospital infradotado en Valdeorras. Necesitamos, esiximos contar co persoal e servizos imprescindibles aquí”. Así o sinala a Plataforma Sanitaria de Valdeorras no comunicado de prensa que vén de emitir esta tarde, tras a asemblea celebrada na tarde do 16 de outubro, na que se acordaba a organización dunha manifestación a mediados de novembro.
O comunicado incide en que “dende hai anos en sufrimos o deterioro das prestacións dos centros de saúde dos concellos e do Hospital Público de Valdeorras (HPV). Só hai que ter algún contratempo persoal ou familiar para comprobalo. Por iso, se queremos que a sanidade comarcal recupere un mínimo de eficiencia, é necesario volver a loitar, volver a saír á rúa para conseguilo. Non é un capricho, é unha condición necesaria pois no envite vai a nosa saúde e a dos nosos veciños. Cando nos organizamos paramos as políticas que golpean os nosos dereitos. Nisto a sanidade non é unha excepción”.
Neste senso, os representantes da plataforma aseguran que “a convocatoria de novas mobilizacións en defensa do HPV non é nada novo. É a continuación dunha longa loita que se mantén no tempo”, nese camiño, lanzan un chamamento “a facer asembleas explicativas no territorio do distrito sanitario, a participar nas concentracións que se están a levar a cabo os xoves na reclamación dun pneumólogo, a informar nos centros de traballo e de ensino para converxer nunha gran manifestación a mediados de novembro. A reivindicación das necesarias prestacións sanitarias necesita dunha resposta firme e contundente porque a saúde é un dereito e non un negocio”.
Por outra banda, plantexan no se comunicado que “os concellos como institucións públicas que representan aos cidadáns, non teñen competencias directas sobre a xestión sanitaria, e en nome da cidadanía esiximos unha vez mais, que o Sergas e o Conselleria de Sanidade, que nos explique cales son os plans da administración sanitaria, que nos renda conta da súa xestión , dos seus obxectivos e dos seus resultados. Esiximos que se forme o Consello de Participación Cidadá, organismo establecido na Lexislación de Organización Sanitaria da nosa comunidade”, que definen como un “espazo onde os cidadáns debémonos deixarnos oír, a través dos seus representantes nos concellos, sindicatos e organizacións cidadás”.
A Platafoma Sanitaria de Valdeorras conclúe o seu comunicado chamando á “loita pola defensa e recuperación dunha sanidade pública eficiente, próxima e de calidade”.