En portadaSanidadeÚltima hora

A manifestación en defensa da sanidade pública en Valdeorras será o 22 de novembro

Imaxe dunha manifestación celebrada en Valdeorras en defensa da sanidade pública hai uns anos, en novembro do 2021./ Foto: A.R.

 

A manifestación que se celebrará no Barco neste outono en defensa da sanidade pública no Distrito de Valdeorras xa ten data. Será o 22 de novembro ás 18h. e sairá fronte ao Hospital Público de Valdeorras. Así o vén de facer público nesta fin de semana a Plataforma da Sanidade Pública de Valdeorras, recuperada a mediados de outubro, a través dunha nota de prensa.

“Debido ao deterioro, persistente e acentuado no tempo, da atención sanitaria, tanto primária como hospitalaria, na nosa área de Valdeorras, Bolo e Trives, varias persoas decidimos involucrarnos e revitalizar a Plataforma Sanitária de Valdeorras, Bolo e Trives porque cremos que temos dereito à mesma calidade asistencial que calquer outra persoa, viva onde viva”, explican no comunicado

Así mesmo describen a organización sanitaria deste distrito, que “consiste nun centro de saúde por concello, 3 PAC (Barco, Trives e Viana do Bolo), unha zona especial de Urxencias (ZEU da Veiga – O Bolo) e un hospital público (HPV). Toda esta organización está fallando por infradotación de recursos humanos e materiais e inadecuación dos servizos con respecto ás necesidades poboacionais. Non se ten en conta a dispersión poboacional, o envellecimento poboacional, as dificultades para acudir aos centros distantes, a cronicidade, pluripatoloxía e a polimedicación. Os centros de saúde do Bolo, A Veiga, e Rubiá perderon cadanseu médico, noutros centros a situación tamén é calamitosa. Algúns centros fechan a súa consulta médica por semanas en caso de ausencia do seu MAP. A outros envíaselles médicos por media xornada e noutros recortan as dotacións un día si e outro tamén sen cubrírselles as baixas nin os permisos. Todo isto da lugar a esperas nunca vistas para sermos atendidos polos nosos médicos de cabeceira, esperas que agravan as nosas enfermidades, agravada a situación pola falta de pediatras e xeriatras. Así de precaria é a realidade da atención primaria do noso distrito”, aseguran dende a plataforma.

No texto tamén se fala do Hospital Público de Valdeorras, onde “vemos como desaparecen servizos como o de uroloxía (tiñamos presupostado un especialista, con horas cirúrxicas e camas de hospitalización) que desapareceu das listaxes de servizos clínicos do HCV. Sen razón algunha. Tamén vemos como desapareceron prazas e profesionais de enfermaría e medicina: coordinadores e xefes de sección ou servizo que tiñan actividade clínica e foron desprazados eses postos e recursos ao CHUO”.

 

 

 

Asemade, continúan os representantes da plataforma, “vemos como non se fai caso aos nosos problemas e situacións específicas, como a silicose: negándose a modificar a dotación orzamentada para transformar unha praza de medicina interna nunha de pneumoloxía. Vemos continuamente un baile de especialistas que impiden un seguimento efectivo das nosas patoloxías”. Tamén, continúan, “vemos como as listas de espera para intervencións cirúrxicas no HPV incrementáronse nun 44 % con respecto ao semestre anterior segundo os datos do propio Sergas”.

Por todo isto, conclúen, a Plataforma Sanitária de Valdeorras, Bolo e Trives convoca a toda a cidadania “a defender a reconstrución da nosa área sanitária e a reivindicar sanidade de calidade na nosa terra o dia 22 de novembro de 2025 no Barco de Valdeorras”. Tamén indican dende este colectivo se farán actos informativos polas vilas e localidades, sendo os mais inmediatos no Bolo (martes 28, 19:00) e Petín (xoves 30, 20 h, Cineclube)”.

Back to top button