SanidadeÚltima hora

Premio para unha residente de enfermería obstétrica do Hospital de Ourense no Congreso Nacional de Matronas

O traballo da EIR Carla García Fernández “Implementación dunha intervención educativa sobre saúde menstrual en persoas con síndrome de Down” naceu coa intención de cubrir un importante baleiro formativo no ámbito da saúde menstrual

 

A residente de segundo ano de Enfermaría obstétrico-xinecolóxica do Hospital Universitario de Ourense, Carla García Fernández, foi recoñecida no XIII Congreso da Federación de Asociacións de Matronas de España (FAME), celebrado o pasado fin de semana en Donosti, polo seu traballo titulado “Implementación dunha intervención educativa sobre saúde menstrual en persoas con síndrome de Down”.

Este proxecto que acadou o recoñecemento neste congreso nacional na categoría de promoción e prevención en saúde sexual e reprodutiva a nivel comunitario, iniciouse como Traballo de Fin de Grao na Escola Universitaria de Enfermaría de Santiago de Compostela no ano 2023, e naceu coa intención de cubrir un importante baleiro formativo no ámbito da saúde menstrual. Tal como explica a autora “a saúde menstrual é un tema de gran relevancia sobre o que, en ocasións, non se dispón de suficiente información; esta carencia acentúase cando existen dificultades engadidas, como unha discapacidade intelectual”.

A investigación partiu da constatación de que existen moi poucas formacións sobre a menstruación e o que esta supón, cifra que se reduce practicamente a cero cando se trata de colectivos específicos, como o das persoas con Síndrome de Down. Por este motivo, en colaboración coa Fundación Down Compostela, desenvolveuse unha actividade educativa centrada en tres dimensións: anatomía do sistema reprodutor feminino, ciclo menstrual e a menopausa.

 

Carla García.

 

Resultados positivos da intervención

A iniciativa obtivo resultados moi positivos, permitindo ás persoas participantes acceder a información clara e adaptada, esencial para comprender mellor o seu corpo e exercitar o seu dereito á saúde sexual e reprodutiva. Segundo a residente premiada, “este tipo de proxectos axudan a derrubar barreiras e a garantir que todas as persoas, independentemente das súas capacidades, teñan acceso á educación sanitaria e á información que lles corresponde por dereito”.

Este recoñecemento supón un importante impulso para o labor investigador e educativo das matronas ourensás, e reflicte o compromiso do persoal sanitario coa promoción da saúde e coa inclusión social dende unha perspectiva de igualdade.

Back to top button