A RúaConcellosÚltima horaVídeos

Loli e Jose reciben o recoñecemento do Concello da Rúa polo seu traballo e adicación

 

Un no cine e outro no pavillón. Dolores Prada Sobrino, Loli, e Jose Manuel Álvarez Diéguez, pasaron boa parte da súa vida vencellados á vida cultural e deportiva da vila nestas instalacións do Concello da Rúa realizando todo tipo de labores de mantemento e atención ao público a este ano no que se xubilan.

Loli comezou a traballar no Cine Rialto na rúa Doutor Vila e xa despois pasaría ao Centro Cultural Avenida na rúa Progreso, onde vendía entradas e mantiña a instalación en perfecto estado de conservación e limpeza, ata que hai  uns anos, coa reforma na xestión do cine era reubicada noutros labores. Jose pola súa banda, facía o propio no pavillón municipal Vitorino Núñez, no Aguillón, dende a súa inauguración, formando parte da vida deportiva de nenos e maiores.

 

 

Anos de traballo e adicación que ben merecen unha homenaxe chegado o momento da xubilación. Recoñecemento que, ao igual que veñen facendo con cada traballador que se xubila, lle entregaban en forma de placa dende a entidade local, na tarde do luns 3 de novembro, xusto antes do Pleno.

“Grazas de todo corazón por estes anos de traballo comprometido, non só con Concello senón coa cidadanía da Rúa que ao final é quen intentamos que se beneficie dos servizos que ofrecemos”, dixo a alcaldesa, María G. Albret encargada de entregar as mencións. “Non é gran cousa a nivel material pero si un recoñecemento importante e ben merecido polos dous”.

 

 

O voceiro do PP, Álvaro Fernández, lembrou a súa vinculación con Jose no pavillón xa de neno, así como a “César que xa non está e a quen tamén me gustaría adicar estas palabras”, dende a parte de cidadán e tamén de alcalde.

Pola súa banda o voceiro do RUA, José Vicente Solarat, desexoulles “que desfrutedes moitos anos da xubilación na compañia de familia e amigos”, agradecéndolle o qeu fixeron polo pobo; e a voceira do PSdeG-PSOE Ana F. Vizcaya “que a partir de agora estedes moito mellor, que o disfrutedes e grazas polo voso servizo”.

 

 

De seguido, no Pleno de novembro aprobábase un novo regulamento do servizo de abastecemento de auga potable para o concello da Rúa e a delegación á Deputación de Ourense do servizo de recadación municipal, entre outros temas.

Fotos e vídeos: Mónica G. Bellver.

Back to top button