
O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, destacaba neste 5 de novembro no Pleno do Parlamento de Galicia que a posta en marcha, o pasado 1 de novembro, da nova unidade de ictus de Ourense garante a atención na provincia as 24 horas do día e os 365 días do ano. Aseguraba que a dotación dunha unidade de ictus era un compromiso da Xunta coa veciñanza de Ourense e a decisión de poñela en marcha tomouse xa no ano 2023.
Segundo Gómez Caamaño, a súa posta en funcionamento é “a culminación dun longo e complexo traballo previo que, durante dous anos, foi avanzando de xeito progresivo”. E indicaba que este tipo de unidade é unha estrutura xeograficamente delimitada para o coidado dos pacientes, con criterios de ingreso preestablecidos, monitorización continua e persoal adestrado e especificamente dedicado.
Dixo tamén que nela xa se atendeu 5 pacientes e que está coordinada por neurólogos expertos que colaboran con outras especialidades médicas relacionadas. Conta con persoal e servizos diagnósticos dispoñibles as 24 horas do día, ademais de vías clínicas e protocolos para o manexo dos pacientes baseados nas evidencias científicas máis actualizadas.
“Esta medida é posible grazas a que o Servizo de Neuroloxía da área sanitaria está perfectamente dimensionado, contando cun xefe de servizo e 12 facultativos que tamén prestan asistencia sanitaria aos hospitais públicos de Valdeorras e de Verín”, segundo o conselleiro de Sanidade.
Para a posta en marcha da unidade, estableceuse unha dotación de seis camas de hospitalización con monitorización, atendida por dous neurólogos e catro profesionais de enfermería da unidade de hospitalización, destinados a atender aos pacientes con maior complexidade todos os días da semana.
Evolución do modelo asistencial
Na súa intervención no Pazo do Hórreo, Gómez Caamaño incidiu en que o pasado ano o Sergas aprobou a primeira vía clínica do ictus en Ourense e, desde maio de 2025, se instaurou a garda de presenza física de neurólogo en xornada de 24 horas no Complexo Hospitalario Universitario de Ourense. Deste xeito, reforzouse a atención sanitaria de máis de 295.000 persoas residentes na provincia, dos cales o 32 % teñen 65 ou máis anos.
O conselleiro dixo que esta nova unidade é unha mostra da evolución do modelo asistencial de Galicia que, no ano 2022, tiña tres hospitais con garda presencial de neuroloxía 24 horas ao día e, na actualidade, despois da posta en funcionamento da de Ourense, ten cinco hospitais que dispoñen desta prestación: os da Coruña, Santiago de Compostela, Vigo, Lugo e Ourense.
Estes cinco centros contan, ademais, con gardas presenciais de neuroloxía as 24 horas os 365 días do ano, o que supón un grande avance na atención ao ictus, permitindo unha valoración clínica máis completa.
Finalmente, o conselleiro puxo en valor que a culminación da unidade de ictus de Ourense permite ao Sergas homoxeneizar a atención ofrecendo unha adecuada asistencia sanitaria coa máxima seguridade ás persoas que sofre ictus, actuando no menor tempo posible e de xeito equitativo para toda a cidadanía, independentemente do seu lugar de residencia.