SanidadeÚltima hora

A deputada socialista Carmen R. Dacosta pregunta no Parlamento galego sobre a Unidade de Ictus de Ourense

Cedida.

 

A parlamentaria socialista ourensá Carmen Rodríguez Dacosta pedíalle hoxe á Consellería de Sanidade que poña en marcha en Ourense unha Unidade de Ictus “integral, operativa 24 horas ao día e 365 días ao ano”. A responsable socialista presentou unha pregunta oral no Pleno do Parlamento na que advertiu que o dispositivo que teñen anunciado “e unha unidade descafeinada que non garante a cobertura nin a capacidade dunha unidade integral”.

Advertiu que a “suposta unidade de ictus” que o Sergas anunciou “tarde e mal, logo da presión exercida polo PSdeG, que poría en marcha a partir do 1 de novembro, pero que en realidade consta de seis camas medicalizadas sen persoal suficiente, sen cobertura por enfermeiras nin auxiliares nas fins de semana, sen protocolos definidos nin capacidade para realizar trombectomías mecánicas”. Ademais, advertiu que estas camas “poderán ser ocupadas por outros doentes”.

Os pacientes con ictus, dixo, “seguirán tendo que ser trasladados a Vigo, perdendo un tempo crítico porque o PP só quere poñer en marcha un parche asistencial para unha provincia que segue esquecida sen unidade de ictus integral, sen unidade de xeriatría e con transporte insuficiente”. Esixiu “igualdade sanitaria real para a provincia máis envellecida de Galicia, na que o 32 por cento da poboación supera os 65 anos e xa conta con máis maiores de 80 que menores de idade”.

Dacosta solicitaba tamén radiólogos vasculares intervencionistas, enfermeiras e auxiliares e dotar ao centro hospitalario de Ourense da tecnoloxía necesaria para levar a cabo as trombectomías mecánicas, que requiren de neurorradioloxía intervencionista. Tamén reclamou un plan de transporte sanitario eficaz, con ambulancias medicalizadas dispoñibles en toda a provincia “incluída Valdeorras”, e un orzamento especifico e cronograma verificable que poida ser avaliado polo Parlamento.

 

Back to top button