OurenseSanidadeÚltima hora

A Xunta amplía o programa piloto de cribado de cancro de pulmón a toda Galicia

O obxectivo é detectar cancros de pulmón en estadios iniciais, mellorar as taxas de supervivencia, o acceso equitativo ao cribado en toda comunidade e reforzar a prevención fronte ao tabaquismo

 

O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, inauguraba esta tarde en Ourense a XXV Reunión anual do Grupo Galego de Cancro de Pulmón, un encontro no que salientou que o departamento sanitario da Xunta xa comezou a enviar as primeiras mensaxes para participar no programa piloto de cribado de detección do cancro de pulmón, que recentemente vén de ser ampliado a toda Galicia.

Acompañado polo delegado territorial da Xunta en Ourense, Manuel Pardo, e polo xerente da área sanitaria de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras, Santiago Camba, o responsable da Sanidade galega destacou os 3,1 M€ que a Xunta destinará aos programas de detección precoz do cancro en 2026. Esta cifra supón un incremento dun 10 % respecto do presente ano.

No que atinxe ao cancro de pulmón, en 2024 Galicia foi pioneira coa posta en marcha na área sanitaria da Coruña e Cee dun programa piloto de cribado de cancro de pulmón. As probas realizadas nesta pilotaxe permitiron clasificar o 7,4 % dos casos como sospeitosos con indicación de derivación a vía rápida e tamén a detección de 5 casos confirmados.

 

 

A alta participación acadada nesta pilotaxe, xunto cos bos resultados obtidos, motivou que a Xunta acordase ampliar este programa piloto ao conxunto da comunidade. Así, o Goberno galego consignou unha partida de máis de 60.000 euros para levar a cabo este cribado durante os vindeiros meses.

A ampliación do programa piloto LUNG-GAL ten como obxectivo avaliar a eficacia e as necesidades asistenciais do cribado cunha mostra representativa do conxunto da poboación galega. Neste liña, e ademais de acadar a detección de cancros en estadios iniciais, tamén pretende mellorar as taxas de supervivencia, impulsar o acceso equitativo aos cribados e reforzar as medidas preventivas fronte ao tabaquismo.

Durante a xornada de hoxe, a sede da Confederación de Empresarios de Ourense (CEO) acolle unha xornada dirixida a oncólogos médicos, oncólogos radioterápicos, neumólogos, anatomopatólogos e cirurxiáns torácicos, co obxectivo de compartir os últimos avances clínicos e as novidades en investigación que xurdiron ao redor do cancro de pulmón.

 

Back to top button