
A través dunha nota de prensa o BNG de Valdeorras vén de alertar esta tarde de que “as embarazadas da comarca son derivadas a dar a luz a Ourense desde hai días, tras avariarse a incubadora do Hospital Público de Valdeorras”. Neste senso, esta formación política “demanda unha resposta urxente do Sergas que permita restablecer o servizo, así como garantir a atención sanitaria segura para nais, bebés e lactantes. Como vemos, continúa o desmantelamento do noso Hospital. Queremos unha sanidade pública digna para a veciñanza da nosa comarca”.
O BNG tamén anuncia que se presentará unha iniciativa no Parlamento de Galicia “para pedir explicacións da actual situación”.
Pola súa banda, dende a Xerencia da Área Sanitaria de Ourense, Verín e O Barco asegúrase que “a incubadora destinada aos traslados da unidade de partos do Hospital Público de Valdeorras atópase operativa nestes momentos, aínda que nas últimas datas emitiu un aviso de erro nunha das súas pezas sendo revisada e reparada polos técnicos do servizo de electromedicina da nosa área”.
Tamén indica a xerencia que “de todos os xeitos, os técnicos especializados da empresa responsable da incubadora desprazaranse mañá ao hospital Público de Valdeorras, co obxectivo de avaliar e reparar definitivamente a incidencia, de xeito que o equipo poida seguir empregándose con normalidade e todas as garantías que requiren un posible traslado dun recentemente nado no caso de ser necesario seguindo os protocolos establecidos. Para garantir a máxima seguridade e protección dos bebés e das nais, esta pasada noite decidiuse trasladar a unha paciente á unidade de partos do Hospital Universitario de Ourense, onde o proceso puido desenvolverse con total seguridade e normalidade”.
Ademais sinálase que “o Hospital Público de Valdeorras quere agradecer o esforzo e a colaboración de todos os profesionais implicados, así como tranquilizar á poboación, asegurando que en ningún momento está comprometida a atención nin a seguridade asistencial”.