CulturaCulturaÚltima horaVídeos

Touriñán enche o Centro Cultural Avenida da Rúa con ‘Aquí Tou!’, o seu espectáculo máis persoal

 

Despois da estrea n Ribadumia e nas dúas sesións con cheo absoluto da Estrada, Xosé Antonio Touriñán chegaba á Rúa na xornada do sábado 15 de novembro con Aquí Tou! o seu espectáculo máis persoal, colgando novamente o cartel de “non hai entradas” cunha dobre sesión que fixo as delicias do público.

 

 

Primeiro ás 18:30 e máis tarde ás 21 horas, o actor galego subíase ao escenario do Centro Cultural Avenida para engaiolar e divertir ao público durante máis de dúas horas, facendo un percorrido pola súa propia vida, dende e súa concepción ata a actualidade, debullando con humor e emoción os momentos máis significativos, mesturando realidade e ficción, anécdotas persoais e cultura popular galega.

 

 

O resultado foi un espectáculo próximo, vital e cheo de complicidade no que o público se recoñeceu e participou con risa, moita risa, mesmo gargalladas, e con emoción. Mesmo baixou ata o patio de butacas facendo partícipe a máis dun espectador, confirmando que tras máis de trinta e cinco funcións e milleiros de espectadores, consolídase como “un dos grandes fenómenos teatrais galegos recentes, mantendo o espírito próximo e festivo que caracteriza o traballo de Xosé A. Touriñán”, que remataba cun guiño a un novo enfoque da súa profesión, nin máis nin menos que como animador de funerais. Aí é nada…

 

 

Fotos e vídeo: Mónica G. Bellver.

Back to top button