SanidadeÚltima hora

“A Carreira das Cidades contra o cancro de páncreas de Vilamartín demostra que Valdeorras ten un corazón inmenso”

Así o destacan dende ACAPAL, asociación organizadora da oitava edición desta proba solidaria, que fai un balance moi positivo desta súa oitava edición

Foto: Javier Brasa.

 

Vilamartín de Valdeorras vivía o domingo 23 de novembro unha xornada cargada de emoción: máis de 700 persoas participaban na VIII Andaina e Carreira das Cidades contra o Cancro de Páncreas, enchendo a localidade dunha impresionante marea morada, símbolo da loita contra unha enfermidade que segue necesitando toda a visibilidade e o impulso social posible.

A carreira —organizada pola asociación ACAPAVAL co apoio de ACANPAN, AESPANC e AEG— celebrouse de maneira simultánea coas probas de Madrid e Alacante, consolidando esta iniciativa solidaria como o maior movemento cidadán en España dedicado a financiar investigación en cancro de páncreas, baixo o lema “O noso Reto, A Esperanza.”

“Vilamartín demostra que esta comarca ten un corazón inmenso”

Tras a carreira, Eva Iglesias, secretaria de ACAPAVAL e portavoz do evento, sinalaba que “o domingo en Vilamartín volveu quedar patente que esta comarca ten un corazón inmenso. Superar os 900 rexistrados, e a pesar do clima, máis de 700 persoas animáronse a correr, camiñar e apoiar aos pacientes e á investigación…é emocionante. Cada participante, cada familia, cada voluntario… todos formades parte deste movemento. O cancro de páncreas necesita máis recursos para a detección precoz e a investigación, pero sobre todo necesita que permanezamos unidos. Esa unión viuse aquí. Grazas a todos por converter o noso reto en esperanza”.

 

Foto: Javier Brasa.

 

Un reto sanitario urxente

O cancro de páncreas continúa sendo unha das enfermidades oncolóxicas máis letais:
– Más de 10.000 persoas serán diagnosticadas este ano en España.
– Más do 92% falecerá nos cinco anos posteriores ao diagnóstico.
– O 80% dos casos detéctase en fases avanzadas.
– Pode converterse na segunda causa de morte por cancro en 2030.

A investigación é a única vía real para cambiar estas cifras, aseguran dende a organización da carreira.

Unha carreira que financia ciencia

O 100% do recadado pola Carreira das Cidades destínase a investigación mediante as Bolsas Carmen Delgado / Miguel Pérez-Mateo, que xa financiaron 18 proxectos grazas a máis de 1,2 millóns de euros obtidos por miles de persoas solidarias.

 

Foto: Carlos Bermello.

 

Agradecementos

ACANPAN e ACAPAVAL queren agradecer a:
– Aos máis de 900 rexistrados, pola súa entrega e solidariedade.
– Aos voluntarios, peza esencial da organización.
– Aos patrocinadores e entidades colaboradoras, cuxo apoio fai posible cada edición: Iberdrola, Cupa Group, Cafersa, Clínica Vázquez, Pazo do Castro, Centro de Día O Salgueiral, Cufa, Exclusivas Morais, Ponfe Motor, Fundación Viatris, Concello de Vilamartín, Deputación de Ourense e Deporte Galego (Xunta de Galicia).

“Aos medios de comunicación que nos axudades a dar voz a unha enfermidade que necesita ser escoitada. A marea morada segue crecendo. A próxima cita da Carreira das Cidades terá lugar en Ávila, o 30 de novembro, onde esperamos seguir estendendo esta onda morada de solidariedade e compromiso por toda España”, conclúe a organización deste evento solidario.

Back to top button