CulturaCulturaÚltima horaVídeos

Boa acollida de ‘Dopamina Zero’, a curta de Rodrigo Marini sobre o Párkinson que amosa O Barco ao mundo

Proxectábanse dous pases técnicos, abertos á poboación, no Teatro Lauro Olmo

 

Alá polo ano 1990 a familia de Rodrigo Marini, de orixe arxentina, chegaba ao Barco de Valdeorras onde se asentaba, sendo tan ben acollida que aquí quedaba. E case 36 anos despois, o cineasta (actualmente residente en Madrid) apostaba pola terra que o viu crecer e na que tantos bos momentos pasou para rodar o seu traballo máis persoal,  Dopamina Zero, a curtametraxe sobre o Párkinson de inicio temperán protagonizada por Juan José Ballesta, Veki Velilla e Cristina Mediero que era presentada na tarde do martes 25 de novembro no Teatro Lauro Olmo.

 

 

Marini e o seu equipo volvían ao Barco de Valdeorras sete meses despois da intensa rodaxe, para ofrecer dous pases técnicos á xente que colabora neste ambicioso proxecto, entre os que destacan tres adegas (A Coroa, Godeval e Alán de Val) que se uniron para “facer arte” e apoiar na promoción. “Foi un privilexio poder rodar esta curta no aquí”, dixo o director na previa ao primeiro pase, asegurando que se sinten moi apoiados. Polo Concello do Barco “ao que lle estou moi agradecido por todo, Marga e Alfredo tiveron un trato exquisito comigo”, así como ao resto de xente do Barco, “Jorge e Vanessa de Ton y Son; Manu e Naya de Bajo 5; José María; o Restaurante Dock; a cafetería de Elvira e Luis; a Tenda de Raquel de Petín… A moblería de Viloira, Roberto Dobao,… Antón, Epifanio Campos entre outros”, asegurou, desfacéndose en agradecementos.

 

 

“A nosa idea é vender O Barco polo mundo e puxéronnolo tan doado que non podemos fallar”, dixo Rodrigo diante do numeroso público que asistía ansioso e expectante ao pase, asegurando que “esta é unha forma de devolverlle a Valdeorras o que lle deu á miña familia”.

 

 

Dopamina Zero conta a historia dun músico cunha enfermidade multisistémica neurodexenerativa como é o Párkinson, contada a través dunha historia de amor. “A vida do protagonista, baseada na historia dun amigo meu, cambia cando coñece a Valentina, dependenta nunha tenda de discos de segunda man”, explica Rodrigo, destacando tamén a colaboración na peza de artistas locais como Lola Doporto ou Iván Prieto, para “amosar O Barco e tamén aos seus artistas, ambientando coa arte valdeorresa as localizacións”. 

 

 

No apartado musical, contaron tamén coa colaboración de Sr. Jingles que puxo a banda sonora, ambientou a presentación á que asistía o protagonista (o actor máis novo en gañar un Goya por El Bola) interpretando dous temas e tamén a festa post presentación, no Skándalo, cuxa recadación irá destinada a cubrir os custos de postproducción, comunicación, márketing, comercialización, difusión e distribución da curtametraxe en festivais nacionais e internacionais.

 

 

Cunha duración de 20 minutos, Dopamina Zero é unha historia triste pero necesaria para entender o que hai detrás dunha dura enfermidade, sendo tamén unha homenaxe a toda unha terra.

 

Festa no Skándalo./ Foto cedida.

 

Fotos e vídeos: Mónica G. Bellver.

Back to top button