OurenseÚltima horaVídeos

Mesa redonda sobre “Raíces e futuro: medio século de economía sostible en Ourense”

Con ela ponse o broche ao ciclo de debate "50 anos de España en Liberdade", promovido pola Subdelegación do Goberno en Ourense

 

O subdelegado do Goberno en Ourense, Eladio Santos, enxalzou o traballo feito polas empresas ourensás nas últimas décadas para “adaptarse aos cambios e sobrevivir nun mercado global altamente competitivo”. Fíxoo na presentación da mesa redonda Raíces e futuro: medio século de economía sostible en Ourense, o último acto do ciclo de debate organizado pola Subdelegación do Goberno en Ourense e o Comisionado para a Celebración dos 50 anos de España en Liberdade.

A directora da Cátedra de Empresa Familiar da Universidade de Vigo, Elena Rivo; o director xeral de Grupo Revi, Julio Iglesias, e a xerente de Adegas Godeval, Araceli Fernández, foron esta tarde os relatores da mesa redonda moderada polo o vicerreitor da UVigo no Campus de Ourense, Javier Rodríguez Rajo. Abordaron a evolución do mundo empresarial e dos sectores económicos representativos da provincia de Ourense nas últimas décadas.

 

 

Na súa intervención, o subdelegado destacou o compromiso do Goberno de España coas empresas, como o amosan os 3.067 millóns de euros repartidos a pymes e autónomos no 92% dos municipios españois co programa Kit Digital ou os fondos dos PERTE (Proxectos Estratéxicos para a Recuperación e Transformación Económica), que están a transformar a economía con grandes proxectos. “En momentos difíciles hai que estar ao carón dos que crean riqueza e o Goberno o leva facendo desde a pandemia, con medidas reais e protectoras”, apuntou.

Santos agradeceu a todas as persoas que participaron neste ciclo de charlas e debates do programa “50 anos de España en Liberdade”, que comezou o 15 de novembro e abordou temas como a Transición, a democracia, o xornalismo, o feminismo, o papel da lingua galega e a evolución empresarial.

 

 

Programación

Referentes da política, da cultura e do xornalismo de primeiro nivel como Diego López Garrido, Anabel Díez, Xosé Luis Barreiro Rivas, Ramón Jáuregui, Ana Pardo de Vera, Fernanda Tabarés, Carmen Calvo, Pilar García Negro, Juan Tallón, Dores Tembrás e Manuel Bragado protagonizaron os cinco primeiros actos deste ciclo que reuniu a centos de persoas.

Despois destas xornadas de debate, o seguinte acto do programa “50 anos de España en liberdade” de Ourense será mañá, venres 5 de decembro, coa obra de teatro Flores de España da compañía Los Sueños de Fausto, ás 21:00 horas no Teatro Lauro Olmo do Barco de Valdeorras. O final da conmemoración será o sábado, 6 de decembro, ás 12:00 horas, co acto de homenaxe ao 47º aniversario da Constitución Española, no que se entregarán os premios do tradicional concurso escolar da Constitución, no Auditorio Municipal de Ourense.

 

 

Para a comisionada para a Celebración dos 50 anos de España en liberdade, Carmina Gustrán, “celebrar medio século de liberdade é tamén celebrar a pluralidade que nos define como país. España é un Estado diverso, rico en territorios, linguas, tradicións e expresións culturais. Por iso ten sentido que o programa conmemorativo sexa descentralizado, para que cada recuncho do noso país participe e achegue a súa voz a esta celebración dos valores democráticos que compartimos”.

 

Back to top button