SanidadeSen categorizarÚltima hora

Simulacro con paquete bomba e incendio para culminar a revisión do plan de autoprotección do CHUO

 

O Hospital Universitario de Ourense vén de culminar cun completo simulacro de emerxencias a última fase da revisión do seu Plan de Autoprotección,  poñendo a proba a súa capacidade de resposta ante dous escenarios de risco real -un posible paquete bomba e un incendio- para así avaliar a eficacia e coordinación dos profesionais e equipos implicados.

No primeiro suposto, no Servizo de Medicina Preventiva, detectouse un paquete sospeitoso, o que activou o protocolo establecido ante a presenza dun posible artefacto explosivo. De forma inmediata desprazáronse ata o lugar os equipos internos de emerxencias, que coordinaron a inspección e actuación, garantindo en todo momento a seguridade dos profesionais e usuarios.

 

 

Minutos despois activouse un segundo escenario, nesta ocasión un incendio simulado na cociña do edificio de hospitalización, o que activou a resposta dos efectivos do corpo Municipal de Bombeiros, Policía Local e Policía Nacional. O exercicio permitiu avaliar os tempos de resposta, a evacuación parcial da zona e a intervención dos servizos de extinción externos e internos.

Todos os equipos participantes resolveron ambos supostos de maneira satisfactoria, cumprindo cada profesional o papel asignado no plan, e demostrando a súa capacidade de reacción e coordinación.

 

 

 

Última fase da revisión do Plan de Autoprotección

Estes simulacros constitúen o paso final na posta en marcha da revisión do Plan de Autoprotección do Hospital Universitario de Ourense, un documento que se actualiza e testa de forma periódica, para adaptarse aos novos espazos, actividade asistencial e ás tecnoloxías dispoñibles. Grazas a estas prácticas, garántese que todos os colectivos implicados —profesionais sanitario e non sanitario, de seguridade, loxística, mantemento e equipos de emerxencias— coñezan e apliquen correctamente os procedementos de actuación recollidos no plan ante situacións críticas.

 

 

Nun hospital, un plan de autoprotección é o conxunto organizado de medidas, protocolos e recursos destinados a previr e responder de maneira eficaz ante calquera emerxencia que poida poñer en risco ás persoas —pacientes, profesionais e visitantes— ou ás instalacións.

 

 

Os seus obxectivos principais son previr situacións de perigo mediante a identificación de riscos e a implantación de medidas de seguridade; garantir unha resposta rápida e coordinada ante incendios, ameazas externas, evacuacións, ou riscos químicos ou biolóxicos; e asignar funcións concretas ao persoal para actuar con orde e eficacia.

Neste completo documento recóllese de xeito actualizado todas aquelas medidas que permitan minimizar danos, asegurar a continuidade asistencial e recuperar a normalidade no menor tempo posible.

Asemade, no plan integrase a actuación coas forzas e corpos de seguridade e cos servizos de emerxencias externos, que a súa vez colaboran de forma periódica nos simulacros. Esta mesma medida realizouse os pasados días tamén no Hospital Público de Verín.

Fotos e vídeos cedidos.

Back to top button