A Asociación de Empresarios de Valdeorras vén de presentar o spot comercial O fío verde, unha historia de promoción do comercio local que pon o broche á segunda edición do programa Valdeorras Sostible para o que contou co apoio do Inorde da Deputación de Ourense. A súa xerente, Enma González, acompañaba na tarde deo mércores 10 de decembro ao presidente de AEVA, Carlos Terán, nun encontro na Rúa co equipo do taller de audiovisual que fixo posible o spot, dende o guión ata a gravación, sendo incluso parte do elenco do vídeo. Para ese taller contouse coa colaboración especial da docente Ángeles Terrón e do Concello da Rúa, que cedeu o aula no Centro Cultural Avenida para a súa celebración.
A estrea na Rúa foi un evento distendido no que se agradeceu a implicación de todos os participantes, que de forma desinteresada ofreceron o seu tempo e talento para esta inciativa de apoio ao comercio de proximidade. O presidente de AEVA, Carlos Terán, destacou a éxito da iniciativa que asegurou que “está feito con e para a xente da comarca”. A xerente do Inorde, Enma González, explicou como esta liña de axudas da institución permite desenvolver proxectos adaptados ás necesidades e inquedanzas de cada asociación. En canto ao spot, felicitou ao equipo e sinalou que demostra que “mentres hai comercio hai vida nas vilas”.

Cunha duración de algo máis de 5 minutos, a historia ten lugar en varios negocios de Valdeorras, cunha conversa como eixe narrativo. Protagonizado por Moncho Macías e Rosa Xava, conta coa aparición de Víctor Iglesias, Clara Rodríguez, Carmen Malvi, Olga Rodríguez, Gloria Chimeno, Milagros Paradelo, Ana Díaz, Juan Antonio de la Fuente, Miguel Nogueira e María Luisa Herrera. Está dirixido pola valdeorresa Cristina de la Torre, coordinadora do proxecto, e foi gravado pola vianesa Estela Barone. O atrezzo, clave na trama é obra de Artesanía Enxebre.
O guión realizado no taller, no que tamén participou Asley Silva, é unha adaptación dos relatos finalistas do concurso Sucedeu nun Comercio, que foron difundidos nas redes de AEVA: Veinte años no es nada, de Diana García Ramos; Chismes, cosos y chirimbolos, de Sergio Arce Sobrao; Se traspasa, de Lara Prada Vidal; Aquela tarde coa miña avoa, de Irene Arias Núñez, Navidad tejida, de Sonia Revelo, O apagón, de Nuria Rodríguez Pérez; e Gracias, de Diana Ortiz Carracedo.

Para a súa gravación contouse coa axuda de negocios da Rúa e do Barco, coa especial implicación de Mercería Raquel e da súa propietaria, Encarna Domínguez. Tamén hai escenas gravadas en Mars on Foot, Boutique Suá, Ferretería Moncho, Modas Rosendo e Muebles de la Fuente. Dende o equipo de produción, destacaron a xenerosidade de todos eles e relataron as facilidades que ofreceron en todo momento para executar o proxecto.
O fío verde é unha historia que pon o foco na importancia do comercio local como vertebrador da comarca e a súa aportación para crear comunidade facendo de Valdeorras un lugar no que vivir e compartir experiencias. Tamén recolle algúsn dos seus retos, como a falta de relevo xeracional para dar continuidade aos comercios históricos e a competencia das vendas online. A pesar disto consegue, cun ton desenfadado, ofrecer unha mirada positiva e con toques de humor, amosando que o comercio local “é o fío que nos une”. O vídeo será estreado en YouTube e nos perfís das redes sociais de AEVA.

Con este spot, AEVA pon o punto final á segunda edición de Valdeorras Sostible a cal estivo cargada de actividades, comezando pola convocatoria do concurso de microrrelatos Sucedeu nun comercio. Tamén se celebraron dous talleres sobre emprendemento comercial conducidos por José María de la Torre e aos que acudiron máis de douscentos estudantes de secundaria da Rúa e do Barco.