Chegados dende diferentes lugares procedencia, de toda España e tamén Portugal, os moteiros que cada ano acuden á Concentración Invernal Motoxeada buscan altitude, neve e bo ambiente. Tres ingredientes que tampouco faltaron na edición deste 2025 no que está a celebrar por todo o alto o X aniversario con base en Fonte da Cova, en Trevinca (Carballeda de Valdeorras).
Prometía unha edición especial e non defraudou. Tiveron que aumentar o número de inscricións de motos e finalmente foron máis de mil as persoas que pasaron a fin de semana na montaña valdeorresa, desfrutando das espectaculares paisaxes tinguidas de neve e iluminadas por un deslumbrante sol.


Coma sempre, o encontro invernal galego por excelencia, organizado pola asociación Motoxeada e o grupo moteiro Balas Rasas en colaboración co Concello, incluíu un completo programa de actividades con merendas, ceas, festas moteiras, rutas turísticas e sesións vermú sen esquecer a tradicional e ben acollida, degustación de porco ao espeto, na tarde do sábado.
O obxectivo desta xuntanza é fomentar turisticamente a comarca de Valdeorras de aí as rutas pola contorna que inclúen en cada edición e que conforman un dos pratos fortes do programa. A de onte foi especial, pasando polo Barco, en recoñecemento á capital da comarca, de onde son a maioría dos organizadores.



O encontro remata hoxe, domingo 14 de decembro, trala ruta, a sesión vermú e a entrega de agasallos e recordos desta edición.
Fotos: Carlos G. Hervella.
Máis información e fotos:
A Motoxeada acércase ao Barco de Valdeorras no seu X aniversario