Segue sumando probas ultra de natación. E, desta volta, a nivel internacional. Jorge Espinosa, do Club Natación Valdeorras, vén de regresar de terras marroquís tras competir, cun meritorio resultado, na Morocco Swim Trek. Trátase dunha auténtica aventura deportiva na que, ao longo de 4 días, os nadadores percorren un total de 33 km en augas abertas na bahía de Dajla. Cada un dos tramos nado tiña unha distancia diferente: 6,5 km; 8,5 km ; 13 km e 5 km.
A proba comezaba o 3 de decembro e tiña como punto de saída dende o Dakhla Club, nunha primeira etapa que concluía na Illa do Dragón, a segunda etapa partía desa illa e ía ata Duna Branca, a terceira remataba en Speed Spot e a cuarta e derradeira no mesmo Dakhla Club.

Espinosa regresa moi satisfeito, tanto pola vivencia desta carreira como polos resultados obtidos nela. “O certo é que estivo moi ben. Foi unha experencia moi diferente, nunca nadara unha travesía en varias etapas. Ademais o Deserto de Dakhla é impresionante, unha auténtica pasada”, resalta o nadador.

Inicialmente non tiña moitas esperanzas en canto a acadar un bo resultado, “xa que por diversos motivos non puiden adestrar para esta competición como gustaría, pero aínda así, saíume bastante ben e quedei segundo en absoluto sen neopreno nos 33 km”.
Fotos: cedidas e @moroccoswimtrek.
