
Mugares xa quenta motores para o Entroido 2026, que se celebrará os días 7, 8, 15 e 17 de febreiro, e faino cun cartel moi especial elaborado de maneira colaborativa polos nenos e nenas da Escola Infantil de Toén. A iniciativa parte da Asociación Cultural Entroido de Mugares (en Toén), que por segundo ano consecutivo aposta por implicar aos centros educativos do concello na creación da imaxe da festa. Se o ano pasado o cartel foi realizado polo CEIP Saco e Arce de Toén mediante un concurso, nesta edición optouse por un traballo colectivo no que participou todo o alumnado da gardería.
Segundo explica Trinidad Álvarez, secretaria da asociación, “pareceunos importante darlle visibilidade á Escola Infantil de Toén, un servizo fundamental no rural que conta cunhas instalacións moi boas e cunha atención de gran calidade”. Álvarez destaca tamén que “é unha gardería con comedor, cun horario moi amplo que facilita a conciliación das familias, con atención temperá e situada nun punto estratéxico, moi preto do concello, do centro médico e doutros servizos básicos”.

Como agradecemento polo seu traballo, a asociación fará entrega dun agasallo á escola infantil para o desfrute dos nenos e nenas, previsiblemente durante os actos do propio Entroido, e terá exposta a obra orixinal no Centro de Interpretación do Entroido de Mugares.
En palabras de Trinidad Álvarez “con esta iniciativa reafirmamos o noso compromiso coa implicación da veciñanza e a conservación da tradición e cultura de Toén, facendo do Entroido unha celebración participativa”.
No que respecta ao programa, o Entroido de Mugares 2026 arrincará o sábado 7 de febreiro coa segunda conferencia “O Ciclo do Entroido”, na que se presentará un Entroido convidado, nesta edición os Galos da Mezquita (A Merca).
O domingo 8 celebrarase o recuperado Corredoiro, co tradicional Xogo do Galo diante da igrexa parroquial de Mugares, como se facía antano. O domingo 15 terá lugar o Domingo de Comedias, con teatro popular e moita música, e o martes 17 de febreiro celebrarase o día grande do Entroido de Mugares, mantendo a tradición e coa promesa dalgunha sorpresa que se anunciará en próximas datas.
