Valdeorras ten demostrado a súa solidariedade en innumerables ocasións, apoiando iniciativas cando sucede algunha catástrofe (DANA, incendios,…) e tamén a colectivos que axudan en temas sanitarios, pero o Nadal é o momento idóneo para organizar actos benéficos, aproveitando a afluencia de público.
De aí o Festival Benéfico de Nadal que a Asociación Cultural Abertal organizaba para tarde deste sábado 20 de decembro no Centro Cultural Avenida da Rúa a beneficio da Fundación Andrea.

O acto comezaba pasadas as sete e media coa presentación da Banda de Gaitas da Escola de Música e Baile Tradicional Abertal cos mestres Diego Prieto, director da banda e profesor de gaita; e Xilda Durán, profesora de percusión e pandeireta, que deleitaban ao público con tres temas: Baixando pola Salgueira, Rumba dos Trinstas e Mallou/ San Roque.

Despois era a quenda dos grupos de canto, tanto infantís como adultos dos que se encargan Manolo Cobas, profesor de canto, baile e pandeireta; e Suso Lorenzo, profesor de acordeón, que interpretaron outras tres pezas: Apalpador, Pelo Roxiño e Alerta Pastores. Para a primeira, subía ao escenario o mesmísimo Apalpador, tradicional personaxe de Nadal na montaña do interior de Galicia que nos últimos anos percorría as rúas da vila bailando e repartido caramelos, cambiando nesta ocasión pola súa aparición no festival. O outro convidado da tarde era o pianista santiagués Mateo Iglesias que interpretaba a peza Dúas Olladas acompañado pola gaita de Diego Prieto.

No evento solidario tampouco faltaron as actuacións de gaiteiros solistas, bailes dos grupos dos nenos e maiores e máis pezas da Banda de Gaitas.
“Todo o recadado irá destinado a este colectivo de apoio aos nenos con enfermidade de longa duración, crónicas ou terminais”, aseguran dende Abertal, destacando que “o importante da entrada é a vontade, o que queira aportar a xente”.

Fotos e vídeos: Carlos G. Hervella.