Na Rúa estreábase a tempada de campo a través en Galicia. O circuíto do Aguillón acollía a partir das 10:45h. da mañá deste 3 de xaneiro o Campionato galego de cross nas categorías Sub16, Sub18, Sub20, Sub23 e absoluto tanto a nivel individual como por clubs.
A competición contaba con medio milleiro de inscritos de algo máis de setenta clubs. A proba ademais, contaba co engadido de ser determinante de cara a composición da selección galega individual (25 de xaneiro) e clasificatoria para o campionato de España de clubs (08 de febreiro).

Nesta cita o Club Adas Cupa subíase ao por na competición masculina absoluta por clubs, onde lograba un terceiro posto. Moi preto dese podio estaba tamén o equipo feminino, que lograba unha cuarta posición, se ben a atleta valdeorresa Inés Docampo quedaba terceira en categoría sénior.
Outros resultados ourensáns destacados eran o título de campión galego por clubs do Ourense Atletismo en Sub18 feminino e o terceiro posto en absoluto feminino.
A organización desta proba contaba coa colaboración das agrupacións de Protección Civil da Rúa, Petín e Manzaneda.
Fotos e vídeos: Mónica G. Bellver.




