SanidadeÚltima hora

A sanidade pública ourensá presenta o seu Plan Director de Investigación e Innovación 2026/30

O Plan identifica o envellecemento da poboación, a cronicidade, o cancro, a saúde mental, a medicina personalizada e a dixitalización como ámbitos prioritarios de investigación

 

A Área Sanitaria de Ourense, Verín e Valdeorras presentou hoxe o seu Plan Director de Investigación e Innovación 2026–2030, un documento estratéxico que define as prioridades, obxectivos e liñas de actuación en materia investigadora para os vindeiros cinco anos.

A presentación, á que asistiron profesionais dos distintos servizos hospitalarios e de atención primaria, tamén vía conexión remota, correu a cargo de Silvia Álvarez Paradelo, directora de soporte da Área Sanitaria e responsable de investigación e innovación e  Joaquín Cubiella, xefe da Sección de Investigación da Área e coordinador do Grupo de Investigación en Oncoloxía Dixestiva de Ourense.

Álvarez Paradelo destacou que o plan nace nun contexto de consolidación e crecemento da actividade investigadora da Área, que nos últimos anos experimentou un importante avance, tanto en volume como en calidade e impacto científico, que espera continúe crecendo e xerando sinerxias co Nodo de Innovación, que ven de reactivarse.

Nesta liña, Cubiella subliñou, antes de pasar a detallar o contido do novo documento estratéxico, que os profesionais de Ourense incrementaron a súa participación en proxectos competitivos de ámbito autonómico, estatal e internacional, así como en ensaios clínicos e estudos observacionais, impulsados desde os propios servizos clínicos.

Aumento da produción científica

Este avance ven acompañado dun aumento da produción científica, en revistas de alto impacto, e dunha maior presenza en redes colaborativas e consorcios de investigación, especialmente en ámbitos como a investigación clínica, a epidemioloxía, a innovación diagnóstica e a investigación orientada a resultados en saúde.

Paralelamente, reforzáronse as estruturas de apoio á investigación e avanzouse na integración progresiva da actividade investigadora, na práctica asistencial diaria, coa implicación crecente de profesionais de distintas categorías sanitarias.

Identificar fortalezas na investigación  de Ourense

Neste contexto, o Plan Director 2026–2030 ten como obxectivo principal orientar, potenciar e dar coherencia á actividade investigadora, establecendo un marco estratéxico común, que permita maximizar o impacto científico, asistencial e social da investigación desenvolvida.

Así, o Plan identifica o envellecemento da poboación, a cronicidade, o cancro, a saúde mental, a medicina personalizada e a dixitalización como ámbitos prioritarios de investigación, aproveitando a ampla base poboacional, o acceso a datos clínicos reais e o crecemento sostido da investigación clínica en Galicia.

En todos estes aspectos, o Plan Director revela o potencial da Área de Ourense, Verín e Valdeorras para contribuír ao coñecemento científico, desde a práctica clínica cotiá, e realidade poboacional, especialmente en Atención Primaria e no ámbito da Saúde Comunitaria.

A análise interna revela tamén un ecosistema investigador con once grupos activos e máis de cen profesionais implicados, cun peso relevante da investigación en oncoloxía, e un aumento significativo da actividade en ensaios clínicos e produción científica, nos últimos anos.

A partir desta análise, o Plan define como misión incorporar a investigación, e a innovación, como un servizo máis do sistema sanitario, orientado a mellorar a calidade de vida da cidadanía e o desenvolvemento profesional dos seus traballadores, coa visión de converter a Área Sanitaria nun referente científico, en colaboración con socios académicos, institucionais e sociais, sustentado en valores como a excelencia, o impacto social, a cooperación e a internacionalización.

 

 

 

Catro obxectivos estratéxicos

Para acadar estes obxectivos, establécense catro obxectivos estratéxicos principais, centrados en aumentar a capacitación científica dos profesionais, reforzar a investigación clínica, diferenciar liñas de investigación con valor engadido e intensificar as colaboracións externas, xunto cun obxectivo transversal de impulso da I+D+i en Atención Primaria.

Estes eixes concrétanse en dez plans de acción, que inclúen a creación dunha Unidade de Ensaios Clínicos, o fomento de proxectos multicéntricos e internacionais, o desenvolvemento da ciencia de datos, o reforzo dos servizos de apoio á investigación, a atracción de talento, a mellora da comunicación e a implicación activa da cidadanía.

Ademais, o Plan aposta pola colaboración con outras áreas sanitarias, institucións académicas e plataformas de investigación, así como pola aliñación coas estratexias autonómicas, estatais e europeas en I+D+i en saúde, cunha visión orientada a consolidar unha cultura investigadora sólida e sostible.

Back to top button