SanidadeÚltima hora

Preséntase a “Guía para Persoas Coidadoras”, obra dun equipo multidisciplinar de profesionais de Atención Primaria na provincia

Baixo o lema “Coidarse para coidar”, esta publicación ofrece apoio emocional, orientación psicolóxica e consellos prácticos sobre alimentación, hixiene, mobilizacións, xestión do estrés e actuación ante situacións de urxencia

 

O Centro Cultural Marcos Valcárcel acollía o 10 de febreiro a presentación da “Guía para Persoas Coidadoras”, unha ferramenta práctica concibida para apoiar, orientar e acompañar a quen coida de persoas maiores, dependentes ou enfermas na provincia. Trátase dunha iniciativa froito da colaboración entre a Deputación de Ourense e o Servizo Galego de Saúde (Sergas), a través da Área Sanitaria de Ourense, Verín e O Barco, e contaba coa participación dun equipo multidisciplinar integrado por profesionais da enfermaría, nutrición, traballo social, fisioterapia e medicina.

O encontro, ao que estaban convocadas as traballadoras sociais dos diferentes concellos, pretendía dar a coñecer esta guía centrada en orientar, apoiar e informar ás persoas que desenvolven labores de coidado, e contaba coa participación de profesionais do ámbito sanitario nunha mesa temática, na que se abordaban cuestións como o papel transformador da atención primaria, o empoderamento das persoas coidadoras, o coidado emocional e o apoio social e informativo.

En concreto na devandita mesa temática, titulada “Tecendo redes para coidar a quen coida” participaba como moderador Cristian Vispo, supervisor da Área de Atención á Cronicidade da área sanitaria ourensá e como relatores Lucía Bruquet (enfermeira especialista en Enfermaría Familiar e Comunitaria, referente de saúde comunitaria do Servizo de Atención Primaria de Castro Caldelas), quen falaba sobre “unha comunidade que coida: o rol transformador da atención primaria”; Navor Pereira (enfermeiro do ESAD do Servizo de Atención Primaria de Celanova) que coa intervención “Empoderando ás persoas coidadoras, da A á Z”; José Delgado (enfermeiro especialista en Saúde Mental da Unidade Sociosanitaria de Saúde Mental do CHUO), quen se centraba na importancia de “coidarse para coidar”; e Sonia Feijóo, traballadora social do Servizo de Atención Primaria de Ribadavia, que abordaba o “alivio informativo e apoio social”.

 

 

“Coidarse para coidar”

Baixo o lema “Coidarse para coidar”, a guía ofrece apoio emocional, orientación psicolóxica e consellos prácticos sobre alimentación, hixiene, mobilizacións, xestión do estrés e actuación ante situacións de urxencia. Segundo explicou o presidente, trátase dunha ferramenta pensada para “acompañar, aliviar e dar respostas reais ás necesidades das persoas coidadoras”.

A publicación conta tamén cunha versión dixital accesible mediante código QR, que permitirá a súa actualización continua e facilitará o acceso inmediato desde dispositivos móbiles, así como coñecer de forma anónima o uso do documento para mellorar a resposta asistencial segundo as necesidades reais da cidadanía.

A guía está estruturada en 11 apartados, que comezan cun capítulo centrado na necesidade de “Coidarse para coidar”, na que se inclúen consellos para os coidadores, exercicios prácticos ou mecánica corporal. Despois continúa con outra apartado sobre alimentación, nutrición e uso seguro dos medicamentos e, deseguido, abórdanse os “sustos, urxencias e emerxencias”, incluíndo neste apartado os atragoamentos en persoas dependetes, as feridas e traumatismos, o sangrado nsal, a hipoglucemia, etc.

Continúase con cuestións como a dependencia, recursos e axudas, as transferencias e mobilizacións, a prevencón das caídas, o aseo e hixiene, os coidados da pel e a prevención de lesións, a incontinencia (recomendacións e erros máis frecuentes que se deben evitar), o sono e descanso. E complétase o volume cun apartado de bibliografía.

 

 

 

Un traballo colaborativo entre institucións e pegado á realidade

O acto inaugural destas xornadas contaba coa asistencia do xerente da Área Sanitaria de Ourense, Verín e Valdeorras, Santiago Camba, xunto ao presidente da Deputación Provincial de Ourense, Luis Menor. Camba referíase á “importancia de coidar e axudar tamén ás persoas coidadoras. A maioría delas son mulleres do entorno familiar, que se comprometen e realizan un traballo continuo, non retribuído e fondamente  sacrificado”. Así mesmo agradecía a “súa dedicación, na nosa provincia, miles de persoas reciben coidados indispensables para permanecer no domicilio, na súa cidade ou aldea, mantendo ese vínculo social, xeográfico e afectivo que potencia, extende e preserva súa autonomía e a súa calidade de vida”.

Ademais, Camba poñía o foco no papel da enfermería na atención comunitaria, “que se presta desde todos os centros de saúde da nosa provincia. As profesionais de enfermería son unha peza clave na prevención, na educación para a saúde, no seguimento das persoas con enfermidades crónicas e no apoio ás familias e ás persoas coidadoras. Son, ademais, unha ponte fundamental entre o sistema sanitario e a comunidade, coñecendo de primeira man as realidades sociais, familiares e sanitarias do territorio”.

O xerente da área sanitaria ourensá agradecía o labor dos profesionais que colaboraron para realizar a guía e tamén o apoio da Deputación para a súa edición en papel. “Con esta acción, ademais, cúmprese unha das claves fundamentais da saúde comunitaria: a integración e colaboración entre todas as institucións para traballar cun obxectivo común, que non é outro que mellorar a saúde e o benestar da nosa xente. Esta guía non é só un documento técnico. É unha ferramenta de apoio, de acompañamento e de recoñecemento a todas esas persoas que coidan cada día”, concluía.

Pola súa banda, o presidente da Deputación, Luis Menor resaltaba o labor “esencial, profundamente humano e durante demasiado tempo invisible” e incidía en que esta guía “marca un punto de inflexión” na coordinación entre a atención sanitaria e os servizos sociais na provincia, apostando por un modelo baseado na cooperación entre os profesionais de enfermaría, o traballo social de proximidade dos concellos e o terceiro sector.

“Coidar a quen coida non é unha opción política, é un deber moral e unha necesidade social para garantir o futuro da nosa provincia”, afirmou o presidente, quen insistiu na importancia de poñer o foco na saúde mental das persoas coidadoras e combater a soidade e o esgotamento.

O acto pechouse cunha mensaxe directa ás persoas coidadoras, ás que Menor agradeceu o seu labor diario por “facer de Ourense unha provincia máis humana”, reafirmando o compromiso da institución provincial: “Fagamos entre todos unha provincia que coida”.

Back to top button