Despois da incursión a pasada semana na praza Otero Pedrayo para concentrarse diante da Casa Grande de Viloira, na mañá deste xoves 5 de marzo Asilival regresaba á entrada do Hospital Público Valdeorras para seguir manifestándose en demanda dun “neumólogo para Valdeorras”.
Alí, o presidente da asociación informaba aos asistentes da reunión que, segundo o previsto, mantiñan onte co director do Instituto Nacional de Silicosis e co xefe de Servizo, en Oviedo. “Desmentindo bulos, sobre que o Clúster da Pizarra máis o concelleiro de Sanidade e o xerente da Área de Ourense, Verín e Valdeorras mantiveron unha reunión en Sobradelo, anunciando que ían intentar traer o de Oviedo para Ourense ou Vigo, iso é falso, porque non ten sucursais en ningunha parte de España nin se vai mover de aí”, dixo o representante de Asilival, explicando que o “que si nos dixeron é que están intentando agrandar o que teñen porque están desbordados. Ademais á xente de Valdeorras que está indo, dálle o grao máximo, o que significa que a cousa non está ben”.
Aseguran que a reunión foi fructífera e a “colaboración con esta asociación é máxima porque a Oviedo hai que ir si ou si”, dixo, agradecendo o apoio de Orlando Saavedra, que como médico acompañounos “porque nós non somos duchos na materia”, recoñeceu, lembrando que o vindeiro xoves, cortarán a estrada e irán dende o hospital ata a praza do Concello polo que animou á xente a asistir. “Temos que ser moitos para facer máis forza”, concluía antes de corear “queremos un neumólogo para Valdeorras”.
En resposta ás declaracións de Asilival, a Consellería de Sanidade “reafirma o seu compromiso para avanzar na posibilidade de que as valoracións da silicose poidan realizarse en Galicia, evitando así desprazamentos innecesarios aos pacientes galegos a Oviedo”. Neste sentido, aseguran que “trabállase para establecer unha colaboración co organismo estatal competente”, tendo en conta que “as xestións neste eido corresponden ao ámbito autónomico, dado o asunto e a complexidade que entraña”.
Fotos e vídeo: Mónica G. Bellver.