No mediodía deste xoves 5 de marzo, na antesala da Semana do Ril, que se conmemorará a próxima semana, o Centro de Saúde do Barco de Valdeorras acollía unha reunión informativa, dirixida ao persoal médico e de enfermaría de Atención Primaria, do distrito sanitario para presentar o proxecto GaliÓn, unha iniciativa orientada á detección precoz e ao manexo da enfermidade renal crónica (ERC), así como os pasos previstos para a súa implantación progresiva na bisbarra.
A sesión serviu para explicar o funcionamento e os obxectivos deste programa impulsado polo Servizo Galego de Saúde (Sergas) e desenvolvido desde a área sanitaria de Ourense, que se quere extender a toda a provincia. A presentación corría a cargo de Cristina Pérez Melón, xefa do Servizo de Nefroloxía do Hospital Universitario de Ourense, e contou coa asistenciado director de Atención Primaria da Área Sanitaria de Ourense, Verín e Valdeorras, Miguel Abad Vila.


Un innovador sistema de detección precoz
O proxecto GaliÓn ten como principal finalidade “mellorar a detección temperá da enfermidade renal crónica e optimizar o seguimento dos pacientes con factores de risco”, aseguran dende o Sergas. Para iso utiliza un algoritmo integrado na historia clínica electrónica do Sergas, IANUS, capaz de analizar información clínica dispoñible e identificar pacientes que poden desenvolver esta patoloxía. “A ferramenta calcula o filtrado glomerular, mediante fórmulas establecidas -e desenvoltas desde o Servizo de Nefroloxíaanaliza a medicación prescrita e estima o risco de progresión da enfermidade”, explican, aclarando que o programa “non constitúe un cribado”, xa que non implica unha busca activa de casos na poboación. “Trátase, pola contra, dun filtrado ou análise de datos analíticos xa existentes”.
Este procedemento permite identificar tanto pacientes que xa presentan a enfermidade como aqueles que teñen risco de padecela, co obxectivo de “ampliar estudos diagnósticos cando sexa necesario e favorecer un diagnóstico precoz”, puntualizan, avanzando que o programa “polo momento, non analiza a medicación prescrita aos pacientes”.
Fotos: Mónica G. Bellver.