A VeigaConcellosÚltima hora

A CHMS mellorará o saneamento e depuración de varios núcleos rurais do concello da Veiga

 

O presidente da Confederación Hidrográfica do Miño-Sil (CHMS), José Antonio Quiroga e o alcalde da Veiga, Juan Anta, veñen de asinar un convenio de colaboración que determina as condicións para o financiamento e execución das obras de mellora do saneamento e depuración en varios núcleos rurais do municipio, así como na súa capitalidade.

“Na actualidade existen tramos das infraestruturas municipais de saneamento que, pola súa antigüidade, atópanse moi deterioradas, producíndose constantes alivios polos pozos de rexistro en épocas de choiva; ademais, os seus sistemas de depuración de augas residuais non están a realizar a súa función de maneira adecuada, vertiendo libremente aos leitos sen cumprir os parámetros de calidade esixidos”, explican dende a Confederación, avanzando que a solución a esta problemática consiste na “execución das obras necesarias de mellora de varios tramos da rede de saneamento dos núcleos da Veiga, Casdenodres e Meda; e na mellora da rede de saneamento e renovación de fosas sépticas nos núcleos de San Fiz e de Seoane”.

Estímase un investimento de 500.000 euros, sufragados en porcentaxe 95% polo organismo de conca e o 5% restante polo Concello. “Desde a CHMS queremos destacar o noso firme compromiso de colaboración na execución de proxectos que axuden a preservar e mellorar a riqueza natural coa que conta esta demarcación, en aras dun futuro máis sostible” concluíu Quiroga.

 

 

Fotos: CHMS.

Back to top button