ConcellosSan Xoán de RíoÚltima hora

O alcalde de San Xoán de Río, entre os 100 líderes internacionais da innovación

 

 

O alcalde de San Xoán de Río, Xosé Miguel Pérez, foi incluído por segundo ano consecutivo no Top100 Líderes Innovadores 2026, un ranking internacional que recoñece a persoas referentes nos ámbitos do emprendemento, a tecnoloxía, a comunicación e a transformación social.

A gala de entrega celebrarase o próximo 17 de marzo en Sevilla, no acto inaugural do Congreso Internacional de Startups, un encontro que reunirá a emprendedores, investidores e responsables institucionais de diferentes países.

Neste ranking tamén figuran algunhas das personalidades máis destacadas do ecosistema innovador en España e no ámbito iberoamericano, como a investidora Beatriz González, cofundadora do fondo tecnolóxico Seaya Ventures; a empresaria Nuria Vilanova, fundadora de Atrevia e presidenta de CEAPIA; a experta en tecnoloxía blockchain María Parga, referente do ecosistema de Alastria; o presidente do banco de desenvolvemento CAF – Banco de Desarrollo de América Latina, Sergio Díaz-Granados; ou o director xeral de Mediaset España, Francisco Moreno.

Xosé Miguel Pérez foi recoñecido dentro da categoría Top10 Líderes Comunicadores, que distingue a persoas que impulsan e difunden proxectos innovadores e novas ideas en diferentes ámbitos sociais e territoriais.

Este recoñecemento ten un significado especial ao tratarse do alcalde dun dos concellos máis pequenos de Galicia, que nos últimos anos impulsou diferentes iniciativas vinculadas á innovación territorial, aos proxectos europeos e á proxección internacional do medio rural.

“O ano pasado a gala celebrábase en Ecuador e, sendo sinceros, quedaba bastante lonxe de San Xoán de Río”, explica o alcalde con humor. “Este ano é en Sevilla, así que iremos coa mesma idea de sempre: representar á nosa terra e demostrar que desde un pequeno pobo tamén se pode falar de innovación e de futuro”.

A presenza de San Xoán de Río neste ranking internacional amosa como os territorios rurais comezan a gañar protagonismo nos debates sobre innovación, sustentabilidade e novas oportunidades de desenvolvemento.

Desde o Concello destacan que este recoñecemento contribúe a situar ao municipio ourensán en redes internacionais de innovación e emprendemento, proxectando a imaxe dun rural que non só conserva a súa identidade, senón que tamén participa activamente na construción do futuro.

Back to top button