
A primeira hora da mañá deste luns 16 de marzo producíase un accidente de tráfico na estrada na N-120, á altura do quilómetro 567, en Ourense.
O aviso chegou ao 112 Galicia ás 08:30 horas a través da chamada dun particular, que alertaba dunha colisión entre dous turismos que interrompían parcialmente a circulación na vía. Minutos despois, outro alertador indicaba que había varias persoas feridas e que, probablemente, algunha delas podería estar atrapada, segundo o 112 Galicia.
De inmediato, desde o Centro Integrado de Atención ás Emerxencias mobilizáronse aos Bombeiros de Ourense, así como aos axentes da Garda Civil de Tráfico, da Policía Local e ao persoal do Servizo de Urxencias Sanitarias de Galicia-061.
“Unha vez no lugar, os bombeiros confirmaron que se trataba dunha colisión frontal entre dous vehículos e que foi necesario empregar material de excarceración para liberar a dúas persoas, unha de cada turismo. Pola súa banda, o persoal sanitario indicou que tiveron que atender a tres persoas”, segundo os datos facilitados polo 112 Galicia.