OurenseÚltima horaVídeos

Xornadas de sensibilización en centros educativos para conmemorar o Día Mundial da Síndrome de Down en Ourense

 

Con motivo do Día Mundial da Síndrome de Down, dúas mozas usuarias da asociación Down Ourense, en representación dos demais membros da entidade, reivindicaron esta mañá os dereitos do colectivo cunha xornada de sensibilización no Colexio Plurilingüe Divino Maestro da cidade.

Nesta actividade, na que tamén participou o Director Territorial da Consellería de Política Social e Igualdade, Santiago Álvarez González, o alumnado de secundaria do centro educativo puido escoitar as historias de vida de Corina Álvarez e Verónica Pardellas, que conseguiron que as persoas alí presentes se cuestionasen o que pensaban inicialmente sobre a síndrome de Down.

Por un lado, Corina rompeu moldes compartindo o seu estilo de vida, centrado na parte creativa e artística, sendo o teatro, a pintura e o baile o seu día a día, e falando da súa experiencia como actriz na película “Olvido y León”.

Verónica, pola súa banda, falou sobre a súa experiencia laboral e o seu paso por diferentes postos de traballo ata que conseguiu un contrato indefinido. Porque tras 7 anos traballando no balneario Caldaria de Arnoia, Verónica acadou este ano un posto de ordenanza na Deputación de Ourense tras preparar oposicións ao mesmo tempo que desempeñaba as súas tarefas como auxiliar termal.

Ademais de escoitar estas experiencias vitais, alumnado e profesorado puideron entender como funciona o servizo de inclusión educativa de Down Ourense e comprender por que é fundamental que todo o alumnado poida participar e aprender en igualdade de condicións.

Pero esta non foi a única sensibilización realizada pola entidade durante esta semana. Así, o pasado mércores 180visitaron o CEIP Curros Enríquez de Celanova, onde a través dun contacontos trasladaron ao alumnado de primaria do centro información sobre a síndrome de Down, traballando os mitos e as realidades existentes e tratando de romper estereotipos e prexuízos sobre o que poden e non poden facer as persoas con esta alteración cromosómica.

A importancia da sensibilización en etapas temperás

Desde as entidades Down quérese salientar a importancia de iniciar a sensibilización sobre a realidade da síndrome de Down desde idades temperás. Os nenos e nenas de hoxe serán as persoas adultas do futuro e, en boa medida, delas dependerá que a inclusión social se converta nunha realidade.

Nun momento vital como a nenez e a adolescencia, no que tanto as propias vivencias como as da contorna contribúen a formar a identidade, resulta clave transmitir á mocidade a situación de falta de oportunidades que afrontan moitas persoas coa síndrome de Down debido aos numerosos prexuízos que existen sobre as súas capacidades.

 

 

Visita do Delegado da Xunta de Galicia en Ourense

Dentro dos actos levados a cabo para conmemorar este Día Mundial da Síndrome de Down, a asociación Down Ourense recibiu o pasado mércores a visita do Delegado Territorial da Xunta en Ourense, Manuel Pardo Cid. Durante o encontro, o delegado tivo a oportunidade de coñecer de primeira man as instalacións da entidade, así como o labor que o equipo profesional desenvolve diariamente para mellorar a calidade de vida das persoas coa síndrome de Down e outras discapacidades intelectuais e das súas familias.

Ao longo da visita, as persoas responsables da entidade explicaron os distintos programas e servizos que ofrecen, centrados no apoio educativo, a inclusión laboral e social, a promoción da autonomía persoal e o acompañamento ao longo das diferentes etapas da vida. Ademais, o delegado puido compartir un tempo coas persoas usuarias da entidade, interesándose polas actividades que realizan e polos proxectos que actualmente se están a desenvolver. Esta visita serviu tamén para poñer en valor o papel fundamental que desempeñan as asociacións do terceiro sector na construción dunha sociedade máis inclusiva e accesible para todas as persoas.

Estas accións están incluídas dentro dos actos que a asociación Down Ourense e o Movemento Down en Galicia levarán a cabo para conmemorar o Día Mundial da Síndrome de Down.

Acto central en Lugo

O Auditorio da Facultade de Veterinaria do Campus de Lugo é o escenario escollido pola Federación Down Galicia e as súas entidades para conmemorar un novo Día Mundial da Síndrome de Down. Este acto, no que participarán o alcalde de Lugo, o Delegado Territorial da Xunta en Lugo e o deputado responsable da área de Promoción Económica e Social da Deputación Provincial de Lugo, entre outras autoridades, ten como principal obxectivo dar visibilidade ás persoas coa síndrome de Down e outras discapacidades intelectuais e facer oír súas reivindicacións, centradas este ano nos prexuízos que se asocian ao colectivo.

Iluminación dos principais monumentos de Galicia

Un ano máis, os principais monumentos de Galicia tinguiranse de azul e amarelo para conmemorar o Día Mundial da Síndrome de Down. Así, está previsto que a Cidade da Cultura en Santiago de Compostela, as Fontes da Rúa Aragón en Vigo e a de Catro Camiños na Coruña, os concellos de Pontevedra e Ferrol, a Ponte Romana de Ourense e a Ponte das Correntes de Pontevedra, o Teatro Jofre en Ferrol, os edificios das Deputacións de Ourense e Pontevedra, ou o edificio da Xunta de Galicia en San Caetano, entre outros, se iluminen os vindeiros días 20 e 21 de marzo para dar visibilidade e concienciar á sociedade neste día tan destacado.

Nacións Unidas aprobou en novembro de 2011 a declaración do 21 de marzo como Día Mundial da Síndrome de Down. Establécese esta data, o 21 de marzo [21/03] como un símbolo, en referencia á triplicación [trisomía] do cromosoma 21 que se traduce na condición xenética da síndrome de Down.

Campaña estatal #NoSoyYoEresTú

Con motivo do Día Mundial da Síndrome de Down, as entidades Down de España lanzaron #NoSoyYoEresTú, unha campaña que ten por obxectivo denunciar a percepción negativa que parte da sociedade asocia á síndrome de Down a través de algunhas das situacións que viven as persoas con esta alteración cromosómica no seu día a día.

Deste xeito, as pezas audiovisuais pretenden poñer o foco en que as dificultades que presupoñemos ás persoas coa síndrome de Down, constrúen barreiras que impiden o desenvolvemento óptimo das súas capacidades e a súa verdadeira inclusión.

Esta campaña consta de catro pezas independentes nas que Carlos, Martín, Sara e Eva representan escenas da vida cotiá nas que se mostran as limitacións que a sociedade impón ás persoas coa síndrome de Down e cuxas consecuencias son a infantilización, a sobreprotección e a falta de inclusión real das persoas con esta discapacidade intelectual.

 

Back to top button