SanidadeÚltima hora

Charla sobre “Saúde mental materna: culpa, presión social e autocoidado”, o 25 de marzo no Barco

Terá lugar ás 17:30h. no local da Asociacióin De Nai a Nai, organizadora da actividade

 

A Asociación De Nai a Nai organizará o vindeiro 25 de marzo ás 17.30 horas o coloquio “Saúde mental materna: culpa, presión social e autocoidado. Como sosternos mentres sostemos”, que terá lugar na súa sede no Barco, situada na rúa Academia Dequidt nº6 (edificio biblioteca), 4º andar.

“A maternidade é unha experiencia profundamente transformadora, pero tamén pode vir acompañada dunha gran carga emocional. As expectativas sociais, a presión externa sobre as decisións de crianza e a sensación de ter que chegar a todo xeran, en moitas ocasións, sentimentos de culpa e desgaste nas nais”, din dende a asociación. Nese senso, esta charla xurde co fin de “abrir un espazo de reflexión e apoio mutuo”. A súa temática estará centrada na “saúde mental materna, un aspecto fundamental do benestar familiar que, con todo, moitas veces queda en segundo plano”.

Durante o encontro abordaranse algunhas das situacións máis habituais na maternidade actual, como a presión social sobre a forma de criar, as diferenzas xeracionais na crianza, as críticas ou xuízos que reciben moitas nais por decisións como a lactación ou a atención ás necesidades do bebé, así como a dificultade de atopar espazos de autocoidado no día a día, segundo adianta a organización.

O coloquio pretende “crear un espazo próximo, respectuoso e participativo, onde as nais poidan compartir experiencias reais, expresar inquietudes e reflexionar xuntas sobre estratexias que axuden a coidar a propia saúde mental sen renunciar a unha crianza consciente e respectuosa”.

Máis que ofrecer respostas únicas, esta charla busca “normalizar moitas das emocións que acompañan á maternidade e fortalecer a rede de apoio entre nais, algo fundamental para transitar esta etapa con maior confianza e benestar”.

A participación está aberta a todas as mulleres interesadas “en reflexionar, compartir e atopar novas maneiras de soster a maternidade desde o coidado propio e o acompañamento mutuo”.

Back to top button