CulturaCulturaÚltima horaVídeos

O VII Premio de Poesía Florencio Delgado Gurriarán ten contía tamén para o 2º e o 3º clasificado

A artista valdeorresa Clara Quiroga é a autora do cartel desta edición que remata o prazo de presentación de traballos o 23 de xuño

 

As escaleiras que dan acceso á praza Maior do Barco de Valdeorras, servía de escenario para a presentación da VII edición do Premio de Poesía Florencio Delgado Gurriarán que tiña lugar na mañá deste luns 23 de marzo.

 

 

Un acto presentado pola concelleira de Cultura do Barco, Margarida Pizcueta, quen destacou a cuantiosa cantidade económica que leva repartido o premio, “18.000 euros ata o ano pasado”, así como o cartel desta edición, obra da artista ruesa Clara Quiroga, que destaca non só a figura de Florencio senón as coloridas e outonais montañas de Valdeorras que plasmou cunha aproximación “máis abstracta coa idea de perseguir a ollada de Gurriarán”, dixo Clara, facendo tamén un guiño aos danos sufridos pola natureza tralos incendios como unha “reivindicación de que Galicia non é só mar e temos que coidala”.

 

 

O 7 é segundo a concelleria “un número máxico” polo que tras anos seguindo o mesmo esquema este ano decidían darlle unha volta ao certame que neste 2026 presenta novidades. A primeira é a cuantía. “Seguirá sendo de 3.000 euros para o gañador, polos que apostamos dende o primeiro, pero teremos tamén un premio económico para os dous finalistas: 500 euros para o segundo e 300 euros para o terceiro premio”, avanzou a xerente da Fundación, Débora Álvarez, indicando que incluirán unha nova norma dentro das bases. “Cada autor, en lugar de poder presentar tres poemas como ata agora, este ano só poderá entregar un”.

 

 

Deste xeito, di Débora “ampliamos a variedade de premiados e evitamos que a mesma persoa poida ser finalista con varias obras como xa ocorreu na primeira edición”. Con estas novidades “demostramos que se trata dun proxecto dinámico, e que conta con máis persoas que forman parte do comité e nos axudan a ir mellorando”. Así pois, os interesados en participar e optar a algún dos premios, deberán ser maiores de idade e entregar un poema de non máis de 50 versos e escrito en galego.

O prazo de presentación de poemas candidatos é de tres meses, rematando o 23 de xuño de 2026 ás 23:59 horas. Antes, darase a coñecer o xurado, que como cada ano, estará integrada por figuras relevantes das letras e as artes galegas.

 

 

As bases para presentar poemas están na web florenciodelgadogurriaran.gal onde tamén, no prazo dun mes, se anunciará ao xurado do Premio. O prazo de deliberación será de dous meses e o 1 de setembro coñeceranse os tres poemas finalistas. Este premio convocouse por vez primeira no 2018 e nestes anos ten recibido preto de mil composicións de autores e autoras de toda Galicia. Na edición do 2025, o vencedor foi Miguel Anxo Fernán Vello, un resultado desvelado na gala conducida pola actriz Iria Piñeiro e que reuniu a preto de cen persoas no Teatro Lauro Olmo e onde este ano se celebrará o sábado 19 de setembro.

Con esta presentación, á que tamén acudían representantes dos Concellos de Petín e A Rúa, así como da familia Delgado, a Fundación FDG abre o programa de actividades deste ano.

 

 

Fotos e vídeo: Carlos G. Hervella.

Back to top button