
A Real Academia Galega de Ciencias (RAGC) celebra mañá mércores, 25 de marzo, o ingreso da paleoantropóloga ourensá María Martinón Torres como académica correspondente da sección de Bioloxía e Ciencias da Saúde da institución. O acto terá lugar no compostelán Pazo de San Roque, ás 18:30 horas, e estará aberto ao público. A doutora pronunciará o seu discurso co título “Habitar a incerteza. Consideracións sobre a natureza humana desde a medicina e a evolución”. O encargado de realizar a laudatio será o académico Ángel Carracedo, catedrático de Medicina Legal da Universidade de Santiago, director da Fundación Pública Galega de Medicina Xenómica.
O presidente da RAGC, Juan Lema, abrirá o acto, ao que asistirán outros académicos; o subdelegado do Goberno na Coruña, Julio Abalde; o presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Santalices; o conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, Román Rodríguez; a conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García; a vicerreitora de Política Científica da Universidade de Santiago, Pilar Bermejo; a presidenta do Consello da Cultura Galega, Rosario Álvarez; xunto a diversos representantes de institucións políticas, culturais, científicas e académicas galegas, familiares e amigos da homenaxeada.
María Martinón Torres (Ourense, 1974) é doutorada europea en Medicina e Cirurxía pola Universidade de Santiago, especializada en Evolución Humana pola Universidade de Bristol e en Antropoloxía Forense pola Universidad Complutense de Madrid, ademais de catedrática honoraria do departamento de Antropoloxía da University College de Londres. Na actualidade dirixe o Centro Nacional de Investigación sobre la Evolución Humana (CENIEH). É membro do equipo investigador dos xacementos Patrimonio da Humanidade da serra de Atapuerca desde 2008, coinvestigadora principal do seu proxecto de investigación desde 2019 e codirectora da escavación dos xacementos desde 2025.
Centrada na evolución dos primeiros homínidos de Asia e Europa e no estudo da enfermidade no pasado
A súa investigación céntrase na evolución dos primeiros homínidos de Asia e Europa, e no estudo da enfermidade no pasado. Lidera ou liderou varios proxectos internacionais de investigación sobre a evolución humana en Xeorxia, China ou Israel. Publicou un centenar de artigos científicos en revistas como Nature, Science, PNAS ou Journal of Human Evolution. Ten impartido un centenar de conferencias por todo o mundo, en institucións como a Academia de Ciencias de Pequín, a Academia de Ciencias de California, o Collège de Francia, a Universidade de Tel Aviv, os Museos Nacionais de Kenia ou o Instituto Cervantes en Xapón.

Descubriu o enterramento humano máis antigo de África
O seu traballo está recoñecido dentro do Top 1% dos máis citados no campo das iencias sociais. Entre as súas investigacións destaca a súa proposta dunha orixe asiática dos primeiros homínidos europeos, ou o descubrimento do enterramento humano máis antigo de África, que mereceu a portada da revista Nature.
Está moi comprometida coa divulgación científica a través de documentais, conferencias, podcasts, entrevistas e programas docentes. Participa en diversos comités de expertos e de avaliación como o Consello Asesor Científico do Instituto de Paleontoloxía de Vertebrados e Paleoantropoloxía da Academia Chinesa de Ciencias, con sede en Pequín. Foi membro fundador da Sociedade Europea para o Estudo da Evolución Humana.
En 2019 converteuse na primeira española en recibir a Medalla Rivers Memorial do Royal Anthropological Institute de Gran Bretaña e Irlanda, a institución académica máis antiga do mundo dedicada á antropoloxía. En 2022 publicou o libro de divulgación “Homo imperfectus. ¿Por qué seguimos enfermando a pesar de la evolución?”, onde aborda a pregunta de por que a selección natural non eliminou na nosa especie as enfermidades, a ansiedade ou a violencia.
A súa investigación foi destacada en medios de comunicación como The Guardian, NBC, BBC ou El País, que tamén a consultan como experta científica. Foi comisaria da exposición sobre Atapuerca no Museo de Historia Natural de Nova York e participou en documentais para a BBC ou National Geographic.