Por moi extraño que poida parecer ou soar, a maioría dos nenos galegos non se identifican coa súa lingua de nacemento. Nin sequera a falan. “Os últimos datos do IGE son aterradores, cun descenso considerable de falantes en galego dende o 2003 especialmente na franxa de 5 a 16 anos”, di a concelleira de Cultura do Barco, Margarida Pizcueta, lamentando as “políticas de bilingüismo” que está a desenvolver a Xunta de “facer que en lugar de impedir que o galego se perda e non perda falantes logran o efecto contrario”, mostrándose seriamente preocupada pola súa desaparición. “Como din dende a RAG, é o momento de virar o rumbo porque se non o noso idioma está tocado e fundido”.
De aí que se sinta especialmente ilusionada co campamento en galego que se desenvolverá do 30 de marzo ao 1 de abril na Biblioteca Municipal do Barco de Valdeorras. Trátase dunha experiencia piloto de tres días e 20 prazas, na que baixo o título “Galego modo on” os nenos de entre 5 e 12 anos poderán facer unha inmersión lingüística en galego de 9 a 14 horas. “En Galicia o lóxico é que un neno ou unha nena creza escoitando a mestres e/ ou familiares en galego, non é tan doado, é máis resulta dificilísimo porque antes mantíñase sobre todo no ámbito familiar co galego como lingua materna pero agora xa non é así porque cada vez estamos máis castelanizados”, asegura Pizcueta.

Na presentación do campamento, a concelleira aseguraba que non sabe se este gran de area servirá para moito ou para pouco, “pero polo menos dende o Concello do Barco, concretamente no departamento de Normalización Lingüística que tamén levo eu, imos lanzalo coa esperanza de que sexa un virus que infecte a outros concellos que queiran copiar a idea”, di, asegurando que o que pretenden é “que os nenos aprendan o idioma non lingua, porque o idioma é a identidade dun pobo”.
O prazo de inscrición ábrese hoxe e poderase facer a traves do código QR que aparece nos carteis ata o venres 27 de marzo.
