Continúan os actos de Semana Santa no Barco de Valeorras, neste luns 30 de marzo, coa solemne procesión do Santo Cristo da Paz e a Virxe da Consolación, na parroquia de Santa Rita.




Arredor das 21 horas saía da igrexa a comitiva encabezada pola Cruz. De seguido saía a imaxe do Santo Cristo da Paz portado a ombros ao estilo “lexionario” por un grupo de homes con camisa e guantes brancos. Despois ían os Tambores da Parroquia de Viana do Bolo e detrás, a ombros de 38 mulleres vestidas de negro, saía sobre un trono preparado para tres barrais, a Virxe da Consolación, unha femosa imaxe creada por Restaurart a partir do busto da Virxe de José Rodríguez Ruiz.
Despois de percorrer a praza do Príncipe a procesión continuaba polas rúas España, Eloi Rodríguez Barrios e Balorca ata rematar de novo na igrexa.




Tal como avanza o párroco, Jesús Álvarez Álvarez, estas dúas imaxes incorporaranse este ano á procesión do Santo Enterro o Venres Santo (3 de abril).






Fotos e vídeo: Carlos G. Hervella.