Valdeorras tiña un protagonismo especial na Gala Anual do Atletismo Galego, celebrada o 27 de marzo en Santiago de Compostela, nun acto que reuniu a deportistas, adestradores, clubs, xuíces e representantes institucionais para recoñecer os éxitos acadados ao longo do ano 2025.
O presidente da Federación Galega de Atletismo, Iván Sanmartín, abría o evento e daba a benvida ás persoas asistentes e puxo en valor o esforzo e compromiso de todo o colectivo atlético galego. O principal obxectivo desta gala é homenaxear a todos aqueles e aquelas que, durante o ano 2025, acadaron logros salientables no ámbito do atletismo. Ao longo da velada foron recoñecidos os éxitos das seleccións galegas nas súas distintas categorías, así como os medallistas nos diferentes Campionatos de España, os novos récords galegos absolutos e o labor dos mellores clubs, adestradores e xuíces do ano.
Para a comarca viñan ata catro recoñecementos: o Adas Club era recoñecido como mellor club galego de promoción, tamén eran premiados os méritos atléticos de Mateo Valcarce (Selección Sub16-prata no Campionato de España de Marcha), Aaron Pérez (atleta internacional coa RFEA) e Javier Cid (no circuíto galego de lanzamentos longos 2025) e, ademais recollía unha distinción o Concello do Barco pola organización do nacional de marcha de promoción.

Houbo tamén un momento especialmente emotivo dedicado a lembrar ás persoas do ámbito atlético que faleceron ao longo do pasado ano, nunha sentida homenaxe que puxo de manifesto a unión e os valores desta comunidade deportiva.
O punto culminante da gala foi a entrega dos premios aos mellores atletas galegos do ano, que recaeron en Ana Peleteiro e Adrián Ben, en recoñecemento ás súas destacadas traxectorias e resultados.
O acto foi clausurado pola intervención do secretario xeral para o Deporte, Roberto Fernández, quen destacou a importancia do deporte como motor de cohesión e exemplo de superación.
Fotos cedidas.
