A Asociación de Silicosis de Valdeorras (Asilival) convocaba nesta tarde de 7 de abril aos seus asociados a unha asemblea para abordar as futuras accións da entidade, que preside José Rodríguez, e as realizadas ao longo do seu primeiro ano de vida. A entidade mantén un dos principais obxectivos cos que naceu, que é lograr un servizo de neumoloxía propio para o Hospital Público de Valdeorras, no Barco.
Nese senso, a directiva de Asilival avanzaba que de cara a conseguilo vanse manter as mobilizacións na rúa con concentracións semanais, cada xoves ás 11h. diante do hopital ou ben na praza de Viloira e con algunha marcha polo Barco, tal e como xa se ten feito nos últimos meses.

Ademais, seguen pedindo unha reunión coa xerencia da Área Sanitaria de Ourense, Verín e O Barco, e nese senso, a través dos grupos provinciais do partido socialista e o BNG, van presentar unha moción no vindeiro pleno da Deputación de Ourense, previsto para o 30 de abril, “será para instar á xerencia a que se reúna con nós. Xa presentamos diversos escritos, dos que temos rexistro de entrada, por ese motivo, e non se nos respondeu a ningún, pero imos seguir insistindo, buscaremos a maneira de que nos reciban”, comentaba o presidente. Tampouco descartan a posibilidade de volver presentar iniciativas no Parlamento de Galicia, a través dos grupos da oposición, “iremos escalando peldaños”.
José Rodríguez insistía na necesidade de seguir estando presentes nas rúas a través de diferentes accións. “Hai que intentar motivar á xente e saír ás rúas”. Así mesmo o presidente da asociación poñía en dúbida os datos feitos públicos neste martes pola Área Sanitaria de Ourense, Verín e O Barco en canto ao número de consultas realizadas en pneumoloxía no Hospital Público de Valdeorras e cifraba en 1.074 o número de persoas afectadas por silicose en Valdeorras.

No decurso da asemblea tamén se presentaban as contas da asociación e indicábase o procedemento para levar a cabo a renovación dos socios. “Cantos máis sexamos, mellor, hai que seguir na loita e saíndo ás rúas. O vindeiro xoves haberá concentración ás 11h. diante do hospital do Barco”, indicía Jose Rodríguez. Nestes momentos Asilival conta con 227 socios, segundo se sinalaba na asemblea.
Fotos: A.R.