OurenseÚltima hora

Parada de Sil vivía unha Semana Santa “de máxima afluencia”

 

“O bo tempo  que tivemos nestes días axudou a que o número de visitantes a Parada de Sil superara todas as previsións”, asegura Fernando Souza técnico de turismo deste Concello, no que se fai un balance moi positivo da afluencia de visitante rexistrada na pasada Semana Santa. As visitas foron moi organizadas, practicamente todas con reservas e os visitantes traían un paquete planificado para desfrutar dos distintos elementos da Ribeira Sacra, como rutas de sendeirismo, mosteiros, adegas, ou catamaráns, e no caso de Parada o espazo museístico Casa do Chocolate, único deste estilo en Galiza..

Dende o día 1 o día 5 de abril visitaron Parada de Sil un total de 989 persoas priorizando o Mosteiro de Santa Cristina de Ribas de Sil. A maioría dos visitantes procedían da Coruña e Pontevedra dentro de Galicia e, de Madrid, dentro do Estado, sendo portugueses e alemáns os mais numerosos chegados dende o estranxeiro.

Sinala o alcalde, Aquilino Domínguez, a súa satisfacción polo número de visitantes e pola calidade e responsabilidade deste turismo que  vén a Parada de Sil e  A Ribeira Sacra, así como o bo uso feito dos tres aparcadoiros que nestas datas e no verán, pon o concello ao dispor dos visitantes.

Reunión do alcalde cos empresarios o 14 de abril no Concello

Para seguir avanzando na procura de mellorar a satisfacción de visitantes e empresarios, o alcalde anuncia convocatoria dunha reunión cos empresarios máis vinculados ao sector turístico para o próximo martes 14 de abril ás sete da tarde na Casa do Concello. No encontro farase unha posta en común e análise destes días e tamén se debaterán propostas de mellora que, na medida do posible, se levarán á práctica.

O compendio de paisaxe natural, rutas de sendeirismo, mosteiros, catamaráns, consolídanse como os elementos de atracción  dentro do turismo de natureza, na Ribeira Sacra, destacan dende o Concello de Parada de Sil.

Back to top button