OurenseÚltima hora

O alcalde de Parada de Sil dá conta da liquidación do orzamento do 2025, nun pleno

O alcalde de Parada de Sil./ Cedida.

 

A Corporación municipal de Parada de Sil celebraba o 9 de abril un pleno ordinario no que, entre outros asuntos abordados, o seu alcalde, Aquilino Domínguez daba conta da liquidación do orzamento do 2025, e falaba dunha “boa xestión, xa que dun orzamento inicial de 1.079.000 euros pasouse a xestionar 2.025,555,23 euros executándose o 97% do mesmo”. Así facía un balance positivo tanto “polo grao de execución do orzamento, como pola captación de subvencións e outras achegas das administracións, provincial, galega e estatal sempre dentro da cooperación institucional que é unha das sinais de identidade deste concello”. Tamén salientaba que na consecución destes obxectivos ten sido clave a fluidez na comunicación entre os administrativos, nomeadamente o secretario e o alcalde.

No mesmo pleno aprobáronse dúas mocións do grupo municipal socialista por unanimidade. Nunha delas establecíanse uns premios, non competitivos para as comparsas participantes no carnaval e as condicións “para optar as mesmas publicitaranse de maneira inmediata, deixando claro que non son premios competitivos, se non premios para estimular a participación veciñal e sempre será no desfile que se celebra o Sábado de Entroido”.

Tamén se aprobaba por unanimidade a moción do grupos socialista sobre a paz na que “esencialmente se pon en valor a cultura democrática existente en España de non a guerra e se esixe a EE.UU., Israel e Irán o cesamento inmediato da guerra, así como se reclama de Irán o cese inmediato da vulneración dos dereitos fundamentais da cidadanía especialmente as mulleres”, segundo se informa dende o grupo de goberno local.

Por último, recibida proposta do Club Barreirista de Galicia na que se solicita o apoio institucional do Concello de Parada de Sil “para a denominación da estación intermodal de Ourense como estación Eduardo Barreiros, despois de varios considerandos de carácter xeral e tamén particular, porque a primeira liña de trasporte de pasaxeiros Ourense-Parada de Sil nos anos 20 foi unha liña vinculada á familia Barreiros e mesmo na inauguración da luz eléctrica en algún pobo como Caxide estivo presente celebrando coa veciñanza, Eduardo Barreiros. Aprobouse por unanimidade”, indican o equipo de goberno de Parada de Sil.

Back to top button