SanidadeÚltima hora

Mobilización pola mellora na Atención Primaria galega, no Centro de Saúde do Barco

Estaba convocada por SOS Sanidade Pública e facíase coincidir coa celebración do Día da Atención Primaria

 

Cunha concentración diante do Centro de Saúde do Barco sumábase esta vila á convocatoria lanzada este luns 13 de abril por SOS Sanidade Pública no conxunto da comunidade, baixo o lema “Mobilización xeral pola Atención Primaria Galega”. Este acto reivindicativo, que se facía concidir co Día Mundial da Atención Primaria, tiña lugar ás 11:30h. e no seu decurso Suso Vilasánchez, representantes de CIG Saúde, facía exposición sobre a realidade actual da Atención Primaria.

Deseguido, o concelleiro de Sanidade do Barco, Orlando Saavedra, procedía a dar lectura a un manifesto no que se sinalaba que “son dabondo coñecidos os problemas para contactar cos centros de saúde, as esperas para recibir atención, a substitución das consultas presenciais por telefónicas, as trabas para consultas interhospitalarias, a falta dos profesionais necesarios para poder ofertar unha atención de saúde integral baseada na promoción, prevención, rehabilitación ou atención comunitaria para intervir sobre as principais determinatnes da saúde”.

E, como consecuencia disto, continuaba o texto do manifesto, “dispáranse os casos  graves, colapsan as urxencias hospitalarias, empeora o prognóstico das doenzas, multiplícase o sufrimento das persoas enfermas”.

Neste senso, concluía o manifesto a “Atención Primaria necesita cambios e melloras para saír da crise” a través de medidas como o incremento dos seus recursos, “garantir a accesibilidade, continuidade asistencial e a integralidade con máis profesionais”, “reorientar a Atención Primaria cara á saúde en lugar de á enfermidade, desenvolvendo estratexias de promoción, prevención e saúde comunitaria” e “dedicar especial atención aos problemas de saúde mental e das persoas maiores”.

Back to top button