Xa o teñen levado varias veces como enmendas aos orzamentos pero o “PP sempre votou en contra e non aceptou nunca esta proposta”, din, por iso o vindeiro 23 de abril o Bloque Nacionalista Galego levará ao Parlamento de Galicia unha proposición non de lei para debate na Comisión 3ª, para acadar unha base medicalizada do 061 para o distrito sanitario de Valdeorras, moción aprobada na última sesión do Pleno do Barco.

Así o indicaban na mañá deste xoves 16 de abril na rolda de prensa que daban no Barco, onde o deputado Secundino Fernández, aseguraba que “o deterioro da sanidade en Valdeorras dá para unhas xornadas pero hai tres temas moi graves neste momento, como en Atención Primaria o peche dos centros de saúde os sábados, sabendo que os únicos que estarán aberto en toda a zona son o de Viana, Trives e o do Barco que é onde ai PAC; ou unha cuestión que parece básica como é unha farmacia de garda, que non hai dende Viana ata O Barco, sendo incrible a situación á que nos está levando o Partido Popular de deterioro da sanidade pública”.
Con respecto á iniciativa que debaterán dentro dunha semana, “estamos a falar do único distrito sanitario de Galicia que non ten unha ambulancia medicalizada”, dixo Secundino, explicando que “dada a situación xeográfica, a orográfica, a situación das vías de comunicación, a dispersión poboacional, a realidade socioeconómica do distrito sanitario, que a actual situación dos recursos asistenciais da Rede de Transporte Sanitario Urxente da Galiza-061 non contemple unha ambulancia asistencial de Soporte Vital Avanzado é un feito grandemente discriminatorio e inadmisible para co distrito sanitario de Valdeorras”, polo que a iniciativa que esperan abrobar pide que “o Parlamento de Galiza inste ao Goberno galego a que no novo concurso de transporte sanitario terrestre se contemple unha base con ambulancia de soporte vital avanzado medicalizada ou de enfermaría dentro da Rede de Transporte Sanitario Urxente de Galiza (RTSUG-061) para o distrito sanitario de Valdeorras”.

Na rolda de prensa á que tamén acudían Roberto Quiroga (responsable comarcal) e Manuel Agra (voceiro municipal do Barco), a alcaldesa da Rúa María G. Albert, explicaba que na moción que o BNG presentará no Pleno ordinario do mes de maio incluíra a base do 061 e outra serie de apartados vinculados ás últimas novas que afectan especialmente ao concello rués como son “o peche xa nos últimos meses das farmacias en horario de garda, o que obriga á cidadanía a ter que desprazarse ata O Barco para un servizo que antes estaba garantizado, coas dificultades que iso conleva; e o peche do centro de saúde tamén os sábados”, dixo, asegurando que na Semana Santa “a poboación da Rúa estivo sen servizo médico catro días seguidos”.
Pola súa banda, o portavoz nacionalista no Concello do Barco, Manuel Agra, facía unha reflexión sobre a sanidade na comarca. “É como se houbese dúas realidades: unha real que todos vemos (falta de especialistas, listas de espera, falta de medios,…) e outra na que os dirixentes do Partido Popular teñen que facer equilibrios para xustificar aos seus compañeiros da Xunta”.
A rolda de prensa tiña lugar pouco despois da manifestación convocada por Asilival que esta mañá percorría parte da rúa central do Barco dende o HPV ata a praza do Concello, á que asistían os representantes do Bloque Nacionalista Galego que vén apoiando dende o principio as mobilizacións en demanda dun pneumólogo para Valdeorras.
Fotos e vídeos: Mónica G. Bellver