
A Asociación De Nai a Nai organizará o vindeiro 22 de abril ás 17:30h. a charla “Lactación materna e traballo: estratexias, dereitos e recursos para nais lactantes”, un encontro pensado para “acompañar ás familias nun dos momentos máis delicados da crianza: a reincorporación laboral tras o nacemento dun bebé”.
A sesión será impartida por Lorena Prada Fernández, consultora de lactación certificada internacional (IBCLC), quen ofrecerá unha “visión práctica, realista e baseada na experiencia sobre como soster a lactación máis aló do permiso de nacemento”, tal e como adianta.
Durante a sesión abordaranse as principais inquietudes que xorden nesta etapa, desmontando mitos e ofrecendo ferramentas concretas para facilitar a conciliación. Trataranse aspectos como a importancia das distintas contornas de apoio —parella, familia, contorna social e laboral—, así como os dereitos das nais lactantes e a normativa vixente que protexe a lactación no ámbito laboral.
Ademais, afondarase en cuestións prácticas do día a día, como a planificación dun regreso ao traballo adaptado a cada situación familiar, o uso do extractor, a correcta conservación do leite e as distintas formas de ofrecela ao bebé cando a nai non está presente.
Tamén se destacará o papel do leite materno como alimento principal durante o primeiro ano de vida, mesmo cando o bebé xa iniciou a alimentación complementaria. A actividade enmárcase nas recomendacións de organismos internacionais que promoven a protección da lactación materna e a necesidade de crear contornas que a fagan compatible coa vida laboral. A entrada á charla, que terá lugar na sede da asociación (edificio da biblioteca do Barco, cuarto andar) será libre e gratuíta.
