
O sábado 17 de abril, a A Orquestra de GP do Conservatorio de Ourense lograba un merecidísimo segundo premio no I Concurso Nacional de Orquestras Profesionais de Conservatorios, celebrado en Medinaceli (Soria).
“O marabilloso traballo destes meses por parte do alumnado, do profesorado e da magnífica directora, Raquel Carrera, deu os seus froitos”, aseguran dende o Conservatorio, destacando orgullosos que se trata “dun fito para a nosa cidade de Ourense e, como non, para toda Galicia”.

No claustro do Palacio Ducal de Medinaceli, os músicos ourensáns amosaron o seu gran nivel e talento, cun programa que incluíu música de Haydn e unha aposta da directora pola compositora Mayer.
“Desde o Conservatorio estamos moi orgullosos, e toda a comunidade educativa -incluíndo as familias que se desprazaron ata alí, ás que a orquestra agradece o seu apoio e cariño- non esquecerá este premio”, din, recoñecendo que a lectura do fallo do xurado foi emocionante e moi emotiva para todas as persoas presentes: bágoas, vítores e apertas de grupo, reflexo do que estas ensinanzas musicais, moitas veces relegadas a un segundo plano, poden achegar á xuventude e á cultura”.
