SanidadeÚltima hora

Voluntarias do Espazo +60 Afundación de Ourense imparten un obradoiro de costura colaborativo a pacientes do servizo de psiquiatría do CHUO

Esta iniciativa enmárcase nunha liña de colaboración xa consolidada entre o Espazo +60 Afundación de Ourense e o Servizo de Atención ao Paciente e Humanización da Área Sanitaria de Ourense, Verín e Valdeorras

Fotos cedidas.

 

O Espazo +60 Afundación de Ourense e o Servizo de Atención ao Paciente e Humanización da Área Sanitaria de Ourense, Verín e Valdeorras organizaron un obradoiro de costura solidario dirixido a pacientes do Hospital de Día do Servizo de Psiquiatría do CHUO, unha iniciativa que combina creatividade, acompañamento e benestar emocional e que se realizou durante a mañá de hoxe.

A actividade foi impartida por voluntarias do Obradoiro Solidario do Espazo +60, quen compartiron os seus coñecementos en costura básica nun ambiente participativo e acolledor. O obxectivo é favorecer a concentración, estimular a creatividade e fomentar a interacción social entre as persoas participantes.

Este obradoiro enmárcase nunha liña de colaboración xa consolidada entre ambas as dúas entidades que nos últimos anos deu lugar a diversas accións de carácter solidario e humanizador. Entre elas destacan a elaboración artesanal de almofadas para  pacientes sometidas a intervencións de cancro de mama; a elaboración de manguitos para nenos e nenas hospitalizados; e tamén a elaboración e entrega de almofadas de lactancia a mulleres que acaban de dar a luz.

A implicación activa das persoas voluntarias do Espazo +60 Afundación de Ourense e o traballo do Servizo de Atención ao Paciente e Humanización da Área Sanitaria de Ourense, Verín e Valdeorras cara a unha atención máis próxima e humana dá como resultado esta rede colaborativa que pon o foco no benestar emocional das persoas e no valor das redes comunitarias como complemento esencial á atención clínica.

“Unha das singularidades desta iniciativa é que facilita o intercambio interxeracional, achegando aos pacientes: referentes, apoio emocional, sensación de pertenza e aprendizaxes prácticas para a vida diaria, mentres que ás voluntarias a actividade permitelles comprender mellor outras realidades, romper prexuízos e contribuír desde a experiencia e a empatía. Reforzando a inclusión social e loitando contra o estigma e o idadismo”, destacan dende a Xerencia da Área Sanitaria ourensá.

Back to top button