Con novidades preséntase a 27ª edición da Feira do Viño de Valdeorras, cuxo programa se desvalaba en rolda de prensa neste 23 de abril. A mostra modifica o seu escenario, pasando da praza Ramón Otero Pedrayo de Viloira (O Barco) ao campo da festa (no Paseo do Malecón) da vila barquense e engade unha xornada máis, xa que se celebrará do 29 ao 31 de maio. Así o anunciaba o presidente do CRDO Valdeorras, Marcos Prada Ginzo, xunto ao alcalde do Barco, Aurentino Alonso.
“Esta ampliación permítenos alongar a experiencia, ofrecer máis tempo para que os visitantes de fóra se poidan achegar ao Barco e gozar dos nosos viños. Queremos seguir avanzando como referente de enoturismo galego, nunha liña na que traballamos dende o Consello Regulador co apoio das distintas administracións”, sinalaba Prada Ginzo. “Dar comezo en venres axudaranos sen dúbida a atraer máis visitantes da enogastronomía, que veñen de distintos puntos de Galicia, e tamén doutras partes do país”.

E con respecto ao novo escenario da mostra, dicía que o campo a festa resulta “un espazo máis céntrico e máis accesible, pensado para abrir aínda máis o evento tanto aos visitantes como aos propios veciños do Barco, dende o CRDO e o Concello pretendemos que a feira sexa máis visible, participativa e integrada na vida do municipio”.
A feira reunirá nesta edición a unhas 22 adegas, “a cifra máis alta da última década”, dicía o responsable do consello regulador valdeorrés, “un dato que reflexa o bo momento da nosa D.O. é a participación. Isto evidencia a forza dun sector que cre que no seu produto e que aposta por iniciativas coma esta para chegar tanto ao público xeral como ao especializado”. O obxectivo é seguir mellorando os resultados da feira. “Partimos ademais de cifras moi positivas da pasada edición, máis de 3.500 visitas, e arredor de 22.000 copas servidas, o reto este ano é superalas, medrar en participación pero tamén na calidade da experiencia. Lograrémolo ofrecendo un produto cada vez máis coidado e recoñecido”.
Presentación do cartel
No marco da rolda de prensa tamén se daba a coñecer o cartel promocional desta edición do certame, que pon o foco na variedade raíña da D.O. Valdeorras, recuperada hai medio século. “O seu lema é “Regodéllate co godello, 100% de Valdeorras” e a proposta convida a mergullarse nunha experiencia sensorial única, que mestura terra, identidade e cultura co viño. A maiores tamén aproveitaremos a feira para dar a coñecer viños elaborados a partir doutras variedades, que expresan o carácter único da nosa terra. Apostamos por ofrecer degustacións de ampla gama de referencias das nosas adegas, promovendo iso si o seu consumo responsable, e todo isto levámolo a cabo nun ano moi especial, no que celebramos o 80 aniversario da nosa D.O. (se ben as datas dese aniversario cumpríanse no 2025), 80 anos de historia, esforzo colectivo e defensa dun produto e dun territorio que hoxe están máis vivos ca nunca”.
Ademais de detallar os horarios e actividades complementarias da feira (cuxo acto inaugural e pregón está previsto para o venres ás 19:30h.), entre as que non faltarán catas, un showcoking, actividades infantís e, por suposto, música para animar o recinto feiral; tamén agradecía o apoio nesta feira do Concello do Barco, da Consellería do Medio Rural e de Turismo de Galicia.
O Barco, novamente anfitrión da mostra
Pola súa banda, o alcalde do Barco, Aurentino Alonso, agradecía que a D.O. apostase un ano máis por escoller O Barco como escenario da Feira do Viño de Valdeorras, “é de agradecer que sigades confiando neste como anfitrión, para nós é un privilexio sentirnos orgullosos de que a feira máis importante do viño da nosa zona se celebre aquí”.
O rexedor barquense incidía en que “o salto de calidade é moi importante este ano porque o recinto onde se vai celebrar permite moitas máis posibilidades que o anterior. A aposta por ese cambio para levala ao Malecón e a ampliación do formato temporal van servir para atraer máis visitantes ao Barco e a Valdeorras e vanlles permitir desfrutar moito máis da feira. Finalmente, Alonso felicitaba á D.O. por “ese traballo ben feito” e referíase ao respaldo das adegas ao certame.

Avance do programa
A feira comezará co acto institucional de inauguración e co pregón, previsto para o venres 29 de maio ás 19,30 horas. O horario da feira abranguerá das 19,30 horas ás 00,00 horas da tarde do venres; o sábado, 30, en sesión de mediodía, de 12,00 a 15,00 horas, e de tarde-noite de 20,00 a 00,00 horas; e o domingo de 12,00 a 16,00 horas.
A feira compleméntase cunha coidada proposta de actividades paralelas gastronómicas -pulpo, churrasco, paella, embutidos…- e de lecer. Na zona verde do Malecón, a carón do río, habilitarase un espazo para catas, con actividades como unha degustación de viños de Valdeorras maridados con delicatessen galegas o sábado ás 20:00 horas, e un showcooking do recoñecido chef galego Jose Manuel Mallón ás 21:30 horas. Xunto a isto, unto a isto, no xardín botánico desenvolveranse actividades pensadas para o público infantil, con propostas lúdicas e educativas relacionadas coa viticultura, convertendo así a feira nun evento para todos os públicos.
Non faltará a música. A programación musical contará co Grupo América o venres ás 23:00 horas, coincidindo ademais co seu 50 aniversario, e coa orquestra Olympus o sábado á mesma hora. Tamén durante a fin de semana haberá charangas animando o ambiente como Charandonga, o sábado, ou charanga Terras do Bibei, o domingo.
Adegas participantes
- A Cova da Xabreira
- Adega A Bágoa
- Adega A Coroa
- Adega Alan de Val
- Adega Arnadoval
- Adega Melillas – Lagar do Cigur
- Adega O Casal
- Adega O Cepado
- Adega Quinta da Peza
- Barón do Sil
- Bodega Cooperativa Jesus Nazareno
- Bodega Godeval
- Bodega Hacienda Ucediños
- Bodega Roandi
- Bodega Sampayolo
- Bodega Santa Marta
- Bodegas Blare
- Cía. Vinos Telmo Rodriguez
- D´Berna
- Terriña
- Viña Costeira
- Virgen del Galir
Fotos: Carlos G. Hervella.
Vídeos: O SIL.
