SanidadeÚltima hora

Ourense segue a formar profesionais na atención ao paciente politraumatizado con rapidez e seguridade

Hoxe conclúe na cidade o curso ATLS promovido pola Asociación Española de Cirurxiáns para a atención ao paciente politraumatizado en situación de risco vital, incidindo en que a rapidez e a precisión nas técnicas son determinantes

 

Ourense continúa consolidándose como sede de referencia do prestixioso curso ATLS (Advanced Trauma Life Support), que se está a celebrar na nosa cidade e conclúe hoxe sábado, promovida pola Asociación Española de Cirurxiáns e seguindo o modelo formativo do American College of Surgeons para a atención ao paciente politraumatizado en situación de risco vital, onde a rapidez e a precisión nas técnicas son determinantes.

Este programa está dedicado á atención inicial do paciente politraumatizado, unha das principais causas de morte nos accidentes de tráfico, e céntrase especialmente na chamada “primeira hora”, clave para a supervivencia.

A formación desenvólvese, como é habitual, na Xefatura Territorial de Sanidade de Ourense, reunindo a dezaseis profesionais sanitarios que recibirán adestramento intensivo, tanto teórico como práctico, co obxectivo de mellorar a resposta ante situacións críticas.

O curso inclúe ademais simulacións clínicas en tempo real nas que o alumnado debe enfrontarse a distintos escenarios de trauma grave, como accidentes de tráfico ou pacientes con lesións múltiples, adquirindo habilidades clave para a toma de decisións rápidas e eficaces que permitan salvar vidas.

O Hospital Universitario de Ourense leva organizando estes cursos desde 2009, con dúas edicións anuais, contando cun equipo de profesionais acreditados como instrutores polo American College of Surgeons. Esta edición estará coordinada por José Luis Toubes, director da Unidade Experimental e de Simulación Clínica da Área Sanitaria de Ourense.

O equipo docente desta 619ª edición está formado por profesionais de distintas especialidades: Concepción Alonso, anestesioloxía, Ana Pastor, neurocirurxía, Pilar Garzón, urxencias, Leticia Gómez, anestesioloxía, do Hospital Universitario de Ourense e José Juan Ceballos, cirurxián xeral do Hospital Insular de Gran Canaria, e Florentino Hernando, cirurxián torácico do Hospital Clínico San Carlos (Madrid).

Como en edicións anteriores, o curso conta cunha alta demanda, xa que o de Ourense é un dos poucos que se imparten no noroeste peninsular e cun número limitado de prazas, 16 por edición, o que favorece unha formación personalizada e de alta calidade. Participan profesionais non só de Galicia, senón tamén doutras comunidades autónomas.

O cirurxián canario José Ceballos, destacou que “o curso ATLS demostrou ser a mellor forma de aprender a dinámica de actuación durante a primeira hora do paciente politraumatizado, independentemente dos recursos dispoñibles” e destaca que o manexo baséase no coñecido esquema ABCD, priorizando a identificación rápida das lesións e a estabilización do paciente: “Debemos diagnosticar e tratar de maneira inmediata aquilo que pode ser mortal para o paciente, como unha obstrución da vía aérea, un neumotórax, a tensión, un sangrado masivo ou un traumatismo cranioencefálico severo”.

A doutora Ana Pastor, xefa do servizo de neurocirurxía do Hospital Universitario de Ourense e instrutora internacional do curso sinala que esta formación é fundamental para mellorar a supervivencia destes pacientes: “En España hai uns 20 anos morrían ao ano arredor de 9.000 pacientes politraumatizados e, grazas á formación dos profesionais, esta cifra reduciuse a aproximadamente 1.000 falecidos anuais”.

O curso ATLS é un requisito imprescindible en moitos países de Europa, Norteamérica e Sudamérica para exercer en ámbitos de urxencias e trauma. A doutora Pastor destaca que “para nós, como instrutores, a docencia e a formación doutros profesionais é fundamental para mellorar a atención aos nosos pacientes e a interacción co alumnado e traballo en grupos reducidos, permite unha aprendizaxe máis eficaz”.

Para a neurocirurxián ourensá a Área Sanitaria de Ourense, Verín e O Barco é un referente estatal neste ámbito: “Somos un dos 19 hospitais da rede pública española que conta con esta formación e un punto clave no norte de España, xunto coa Coruña”.

Ademais, esta formación está integrada no programa nacional de residencia de Cirurxía Xeral e é realizada por profesionais de múltiples especialidades, como anestesioloxía, cirurxía ou medicina de urxencias, aínda que está aberta a calquera médico interesado.

Back to top button